
O Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny presentaron este martes 13 de maio no Museo do Pobo Galego a obra "Aquí viviu. Por aquí pasou", do autor Fernando Franjo Franjo e pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio.
Na presentación o autor estivo acompañado pola alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, María Concepción Losada Vázquez; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela e o xerente da editorial Guiverny, Xosé Darriba.
"Aquí viviu. Por aquí pasou" recolle máis de medio cento de referencias a persoeiros ilustres en forma de placas e monumentos na cidade de Santiago de Compostela, ao tempo que ofrece datos biográficos sobre eles e propón ao lector unha andaina ou roteiro urbano sobre este patrimonio monumental, que a miúdo pasa desapercibido. A través duns mapas ilustrativos, Fernando Franjo indica as diferentes estatuas, esculturas, inmobles e placas que se atopan nas diversas zonas da cidade, desde a Alameda ou a Cidade Histórica ata Conxo ou Galeras.
No libro aparece unha ampla escolma de personaxes históricos que foron destacados representantes da cultura, da sociedade, da política, da arte e da ciencia. Así, a publicación é unha escolla da relación destes persoeiros con distintos espazos da cidade. Desde figuras vencelladas a Santiago de Compostela, como poden ser Rosalía de Castro ou Eugenio Montero Ríos, ata visitantes como Ernest Hemingway ou Eva Perón.
Unha obra singular
Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo fincapé na orixinalidade da publicación, así como no seu valor como obra que "recoñece Compostela como cidade aberta, acolledora, atractiva para vivir e visitar, engaiolante para moitas das persoas que, como o propio Lorca, nos agasallaron pezas da súa obra e agradecida con quen merece recoñecemento como son os nomes recollidos neste libro".
Asemade, Goretti Sanmartín sinalou a escasa presencia feminina nas placas e esculturas da cidade, e recordou o obxectivo do goberno de Santiago de Compostela de homenaxear a mulleres fundamentais na historia da cidade como Luz Fandiño ou Concha Castroviea cun "recoñecemento explícito á vista da veciñanza compostelán".
Sobre o autor
Fernando Franjo Franjo (Monforte de Lemos, 1963) é xornalista e promotor cultural. Máster en Xornalismo Turístico polo Instituto Europeo de Xornalismo e Comunicación e licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, traballou durante varias décadas na prensa escrita e radiofónica. Logo desta etapa, especializouse na visibilización dos cafés históricos, sendo autor dos libros 50 Cafés históricos de España e Portugal (2014) e Memorias do Café Derby (2021), ademais de ser o director do encontro internacional “Cafés, patrimonio cultural a través do tempo”.
Estudoso e apaixonado de Compostela e do seu patrimonio, no seu labor de comunicación e xestión cultural, foi un dos comisarios de mostra "Memorias do Café Derby" (2021) e de “Santiago proxectado, arquitecturas non construídas” (2024), organizadas polo Consorcio de Santiago, iniciativas ambas que contribuíron a afondar na historia de Santiago.