Rehabilitación de monumentos 2015

Convento de San Paio de Antealtares

Proxecto: intervención no beirado da fachada do convento para eliminar as humidades no interior do inmoble e as pingueiras cara á rúa

Intervención: mellora do sistema de saída das augas pluviais. Percorrido da cuberta, coa reposición da tella e do material que non se poida recuperar. Revisión da canle oculta de zinc, que recolle a auga da choiva desta cuberta. Modificación das gárgolas existentes para evitar as molladuras na rúa.

 

Igrexa de San Fiz de Solovio

Proxecto: limpeza da fachada e do campanario

Intervención: eliminación dos elementos vexetais que proliferan na fachada e no campanario, limpeza da pedra, eliminación dos rexuntados deteriorados e rexuntado nas xuntas que o requerían. Tarefas de mantemento de carpinterías e reixas. Limpeza e sentado da cor do relevo gótico da portada de acceso á igrexa.

 

Capela do Hospital de San Roque

Proxecto: restauración do retablo da Virxe de Montserrat

Intervención: datado no ano 1763, o conxunto presenta ataque de insectos e fungos xilófagos, aí como perda de soporte e de dourados. A intervención céntrase na estabilización da estrutura, a mellora do sistema de anclaxes, a aplicación dun tratamento para a eliminación de xilófagos, limpeza do retablo e recuperación da cor das súas esculturas.


Convento de Santa Clara

Proxecto: redacción do proxecto de intervención nas revocaduras, nas cubertas e no patio de acceso á igrexa do convento para eliminar as humidades

Intervención: eliminación de humidades na nave e no transepto sur da igrexa. Aplicación de novas revocaduras exteriores e pintado dos muros. Revisión do tellado e dos canlóns e baixantes. Remodelación do recheo do xardín e trazado dunha rede de recollida das augas pluviais. Recondución das pluviais no patio interior.


Igrexa da Peregrina

Proxecto: redacción do proxecto de limpeza e reparación da torre do campanario para eliminar as humidades existentes

Intervención: limpeza da fachada do campanario e do seu contorno. Mellora dos rexuntados dos muros. Substitución da claraboia da terraza da torre e renovación dos xugos das campás. Revisión da cuberta da igrexa.


Mosteiro de San Domingos de Bonaval

Proxecto: redacción do proxecto de eliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Intervención: recebado dos muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa.


Igrexa de San Martiño Pinario

Proxecto: redacción do proxecto de limpeza do ciborio da igrexa

Intervención: limpeza da terraza, muros e cornixas do ciborio mediante a eliminación de plantas e musgos. Rexuntado da cantería. Retellado da cuberta do ciborio.


Teatro Principal

Proxecto: redacción do proxecto de renovación do escenario e melloras no edificio

Intervención: tarefas de acondicionamento e renovación do sistema escénico. Substitución dos canlóns situados sobre os muros medianeiros do edificio. Reparación da estrutura do baixocuberta e reposición de tellas no tellado. Renovación do corpo de vestiarios, pintado da fachada traseira do teatro, actualización das instalacións eléctricas e de iluminación das pasarelas e da caixa escénica, e instalación dun moble de información e almacenamento no vestíbulo.


Igrexa da Orde Terceira Franciscana

Proxecto: redacción do proxecto de renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa para evitar a entrada de auga ao interior do templo

Intervención: restauración das fachadas sur e oeste da igrexa. Recolocación das tellas do tellado e subtitución ou reparación de cangos e pontóns en mal estado, xunto coa implementación de ganchos longos que permitan un maior solapamento da tella. Saneamento das fachadas e instalación dun canlón e baixantes de cobre. Limpeza da pedra dos cercos das ventás.


Convento de Santa Clara

Proxecto: restauración das reixas das ventás da fachada principal do convento (fase III)

Intervención: restauración das reixas e actuación nos recercados da pedra.


Igrexa de San Agustín

Proxecto: limpeza da fachada e das dúas torres da igrexa

Intervención: abordáronse os problemas de crecemento de plantas e de entrada de auga a través das xuntas da pedra da fachada. Ademais, consolidáronse tres dos apoios das campás da torre sur. E interveuse no rosetón da fachada sur, que presentaba grandes problemas de humidade.

 

 

Igrexa de San Paio de Sabugueira (Lavacolla)

Proxecto: repararación da cuberta da igrexa

Intervención: reparouse a  cubrición do templo, onde se substituíu a tella, eliminando, ao mesmo tempo, as plantas superiores dos encontros entre o tellado e a torre-campanario. Ademais, colocouse unha peza especial de remate no cumio do tellado, baixo a tella, para asegurar a ventilación da cámara do baixo cuberta. Por outro lado, efectuouse unha revisión dos encontros entre o tellado e o remate da fachada principal, coa colocación de babeiros especiais en toda a súa lonxitude.

 

 

Convento do Carme

Proxecto: renovación da cuberta (fase III)

Intervención: a cuberta presentaba problemas de impermeabilización en diversos puntos, de xeito que os traballos centráronse na substitución das placas de fibrocemento e da tella existente. Tamén se revisou a estrutura de madeira da cuberta e substituíronse os elementos que estaban deteriorados por outros novos de madeira de castiñeiro.

 

 

Igrexa de Santa Mariña de Berdía

Proxecto: restauración das pinturas murais achadas no templo

Intervención: os labores de restauración centráronse na recuperación estética da obra orixinal, asegurando ao mesmo tempo a súa conservación futura. Estabilizouse estruturalmente o conxunto e devolvéronse as súas cores e a súa policromía orixinal.