Novos Equipamentos

Museo de Historia Natural

En outubro de 2009 púñase a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", edificio deseñado polo arquitecto César Portela que destaca pola súa funcionalidade e polo uso da madeira na súa fachada. O Consorcio de Santiago cedeu o seu uso á Universidade de Santiago, que xestiona o Museo. Este centro é o continuador do Gabinete de Historia Natural creado na Universidade de Santiago en 1840 e conserva moitas coleccións do século XIX, o que o converte nun proxecto científico único.

 

  


Nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Consorcio de Santiago impulsou, dende 2007, a remodelación da antiga sede do Banco de España e a súa adaptación como Museo das Peregrinacións e de Santiago. Inaugurado en 2012, o edificio é un proxecto de Manuel Gallego Jorreto, quen mantivo a apariencia exterior do edificio, reestruturando por completo o interior, adaptándoo ao seu uso museístico. Gallego interpretou perfectamente os espazos con harmonía e sinxeleza de liñas, xerando un referente arquitectónico no corazón da cidade histórica de Compostela. O novo Museo está chamado a ser un referente na cidade, contribuíndo a potenciar a súa oferta expositiva e converténdose nun lugar de encontro para os propios composteláns e todos aqueles que se acheguen á cidade, final e meta do Camiño de Santiago.  O novo edificio foi premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

 

 


Centro Nacional de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación

En 2013 arrincaba a obra de restauración, rehabilitación e posta en valor da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba para a súa conversión en Centro Nacional de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación, pioneiro no territorio nacional. O Centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción en colaboración co Consorcio de Santiago e conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. As obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e a construción de novas edificacións. A Oficina Técnica do Consorcio elaborou o proxecto e dirixiu as obras.