Rehabilitación de monumentos 2016

Colexiata de Sar


Proxecto: aplicación de revocadura de saneamento nos paramentos interiores do claustro da Colexiata de Sar.

Intervención: retirada e protección das pezas artísticas de cantería que hai no claustro de cara a avanzar nun programa expositivo para a súa posta en valor. Substitución da revocadura de cemento deteriorada por unha nova revocadura de saneamento e acabado final de pintura transpirable de silicato.


    



Capela da Quinta Angustia


Proxecto: pintura da fachada da capela da Quinta Angustia

Intervención: limpouse e pintouse a fachada exterior do inmoble nos tres alzados e tamén o interior da capela. Por outro lado, fíxose un traballo de drenaxe do adro, co fin de evitar o encharcamento do espazo da entrada.


      

 

 

Fundación Torrente Ballester


Proxecto: impermeabilización do forxado do baixo cuberta e reparación e posta en marcha do sistema de climatización.

Intervención: impermeabilizouse o forxado do baixo cuberta para evitar as filtracións da auga da chuvia que se producían ao interior do edificio. E reparouse o sistema de climatización, que presentaba deficiencias: substituíuse un compresor que non funcionaba, reparouse o cadro eléctrico e substituíuse o equipo de gas por outro máis respectuoso co medio. As humidades afectaban ao teito do despacho situado na terceira planta, polo que se repuxo o falso teito inferior, pintouse e tamén se substituíu a iluminación.


   



Auditorio de Galicia


Proxecto: obras de mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia

Intervención: reforzarase a seguridade do edifcio fronte ao lume, en particular na sala Ángel Brage e no seu escenario e tamén na sala de exposicións. Ademais, actuarase nas galerías, afectadas pola humidade.


    



Igrexa de San Agustín


Proxecto: reparación do tellado da igrexa de San Agustín.

Intervención: recolocarase a tella, levantada en diferentes partes, substituíndo as pezas que se atopen en mal estado. Ademais, recolocaranse as pranchas de fibrocemento sobre as que se asenta o tellado, xa que están lixeiramente desprazadas en varios puntos. Tamén se restaurará o remate da torre sur co levantado do chumbo que a reviste, ao tempo que se renovarán dúas limas de ferro. E a estrutura metálica da cuberta limparase e logo pintarase con pintura antióxido.


  



Pazo de Raxoi


Proxecto: mellora da eficiencia enerxética da fachada oeste do Plazo de Raxoi.

Intervención: realizaranse intervencións de mantemento destinadas a lograr a estanqueidade da fachada e terraza oeste do edificio, ademais da mellora das condicións de habitabilidade das estancias que dan a esta fachada. Así, optimizarase o illamento térmico e acústico, propoñendo simultaneamente un tratamento paliativo da contaminación por radón e, finalmente, a mellora da eficiencia enerxética, reducindo o gasto por acondicionamento térmico.




Igrexa de San Miguel dos Agros


Proxecto: restauración do retablo da Virxe da Dolorosa

Intervención: estabilizaranse os materiais que conforman o retablo, levarase a cabo a recuperación histórico-estética do conxunto, xunto cunhas pautas axeitadas de conservación preventiva do ben.

 

    

 


Igrexa da Peregrina 


Proxecto: reparación da torre do campanario, pola que entraba a auga da chuvia

Intervención: limpeza da fachada do campanario e do seu contorno. Actuouse no tellado e na fachada exterior do campanario, ao tempo que se melloraron as campás.

 

       

 

 

Convento de Santa Clara


Proxecto: mellora das revocaduras e cubertas e intervención no xardín e no patio para eliminar as humidades da igrexa do convento

Intervención: Aplicación de novas revocaduras exteriores e pintado dos muros. Revisión do tellado e colocación de novos canlóns e baixantes. Remodelación do recheo do xardín e trazado dunha rede de recollida da auga da chuvia. Recondución das pluviais no patio interior.  


    



Mosteiro de San Domingos de Bonaval


Proxectoeliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Intervenciónrecebado dos muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa. Protección das monteas localizadas no pavimento, no arranque da escaleira. 

 

      


 

Igrexa de San Martiño Pinario


Proxecto: limpeza do ciborio da igrexa

Intervención: limpeza e rexuntado da terraza, muros e cuberta do ciborio da igrexa para evitar a entrada da auga da chuvia ao interior.  

 

 

    

        

  

Igrexa da Orde Terceira Franciscana


Proxecto: renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa para evitar a entrada de auga ao interior do templo

Intervenciónrestauración das fachadas sur e oeste da igrexa. Renovación das tellas da cuberta. Saneamento das fachadas e instalación dun canlón e baixantes de cobre. Limpeza da pedra dos cercos das ventás.

  

        

    

Teatro Principal


Proxecto: renovación do escenario e melloras no edificio

Intervencióntarefas de acondicionamento e renovación do sistema escénico: revisión da cuncha acústica, substitución da cámara negra do escenario, instalación dun mecanismo para facilitar o uso da lámpada central e aplicación dun revestimento na estrutura metálica que forma a cuberta do escenario. Substitución dos canlóns situados sobre os muros medianeiros do edificio e reposición de tellas no tellado. Renovación do corpo de vestiarios, mellora da accesibilidade e seguridade nas escaleiras, pintado da fachada traseira do teatro, actualización das instalacións eléctricas e de iluminación das pasarelas e da caixa escénica, e instalación dun moble de información e almacenamento no vestíbulo.

 

 
 

Facultade de Xeografía e Historia


Proxecto: restauración da fachada principal da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Intervención: o ámbito de actuación da intervención comprendeu a fachada principal da Facultade, cos elementos decorativos e as esculturas de formigón realizadas polo escultor Ramón Núñez Fernández no ano 1901-1902.