Reabre a Casa do Cabido con novas medidas para garantir a seguridade dos visitantes

mércores, 22 Xullo, 2020

A Casa do Cabido reabre as súas portas mañá xoves, 23 de xullo, logo de permanecer pechada durante catro meses debido á crise sanitaria provocada pola covid-19. Implantáronse unha serie de medidas para garantir a seguridade dos asistentes. Pode visitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.

 

Tal como explica o responsable de Exposicións do Consorcio de Santiago, Juan Conde, “o edificio presenta unha arquitectura moi singular, é moi estreito e as salas de exposición son moi pequenas, o que dificulta manter as distancias de seguridade entre os usuarios. Sinalouse todo o percorrido da visita, que agora deberá comezar na última planta e ir descendendo cara á planta baixa, seguindo a sinaléctica colocada no chan. E, co fin de que a xente non se cruce durante a visita, a entrada e a saída deben realizarse por portas diferentes desde a praza das Praterías”. Ademais, como medida de precaución, retiráronse as pantallas informativas táctiles da planta baixa.

 

A exposición amosa a diversidade de xénero

 

Na Casa do Cabido pode contemplarse a exposición ”Des_facendo o xénero (a través da arte)”, que se inauguraba o pasado mes de febreiro e tivo que suspenderse por mor da crise sanitaria. É unha mostra colectiva e interdisciplinar, artellada sobre a idea das identidades de xénero como construción social e sobre os mecanismos que pode aportar a creación artística para romper con elas. A mostra, que permanecerá ata o mes de setembro, tivo que readaptarse para que o público non interaccione coas obras.

 

É unha iniciativa coordinada pola comisaria da exposición, Begoña Álvarez Seijo, membro do grupo de investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela; Ana Castro, directora de Galantiqua Arte y Antigüedades; e María Eiras, directora de Mareiras Espacio de Arte; en colaboración co Consorcio de Santiago.

 

Artistas e escritoras compostelás ou comprometidas coa cidade

 

A través da obra de artistas e escritoras compostelás ou que desenvolven a súa actividade na cidade de Santiago, preténdese visibilizar como mediante a produción artística se pode tratar de repensar os construtos de xénero cultural e socialmente impostos: modos de comportamento, roles sociais, actitudes que axudan a asentar unhas determinadas identidades binarias (home/muller, heterosexual/homosexual, normal/diferente…), que    -segundo as promotoras desta proposta- “non son máis que o resultado dun proceso educativo que conduce a asumir como naturais e inherentes a un mesmo uns patróns estéticos e de comportamento concretos”.

 

Nesta exposición amósase a obra plástica (pintura, debuxo, escultura, fotografía…) de dez artistas: Óscar Aldonza, Xoana Almar, Thomas Apostolou, Belén Chorén, María Eiras, Carlota de Leal, Pablo Martínez, Monica Mura, João Pires e Neves Seara. E os textos literarios de tres escritoras: Alicia Díaz, Silvana Lameiro e Patricia Meira. A través deste percorrido preténdese facer un chamamento á reflexión sobre a necesidade de romper socioculturalmente co proceso de construción das identidades sociais normativas.