O Consorcio de Santiago súmase ás homenaxes a Luísa Villalta, Día das Letras Galegas 2024
A publicación homenaxea á poeta coruñesa cunha selección de fotografías de Compostela, acompañadas dun poema adicado á cidade
O Museo do Pobo Galego acolleu este martes 28 de maio a presentación do libro Andei por Santiago, pisando estrelas, continuando coas homenaxes do Día das Letras Galegas deste 2024, adicado á escritora e poeta coruñesa Luísa Villalta. A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións, forma parte da Biblioteca Literaria do Consorcio.
Andei por Santiago / pisando estrelas é un poema que pertence ao poemario Música reservada, publicado no 1991, no que Luísa Villalta deixa entrever a influencia que, como violinista, a música exerceu na súa obra literaria. O título destes versos é o que dá nome a esta publicación na que unha escolma de fotografías da cidade compostelá — na que a autora homenaxeada estudou e formou parte da súa vida cultural, musical e activismo social — acompañan aos versos do citado poema.
En palabras de Goretti Sanmartín, alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio de Santiago, Andei por Santiago / pisado estrelas é un poema no que Luísa coa súa "voz poética lembra as súas noites santiaguesas como a historia da cidade, o poema tráenos ao presente para falar da amizade das rúas, dos espazos que falan e da chegada da alba", amais de mencionar lugares emblemáticos da cidade como a Praza da Quintana, Hortas, Casas Reais, Rúa Nova, Rúa do Vilar, Praza do Toural ou Pratarías.
Salienta tamén que a publicación quere "promover que o público compostelán se achegue a quen de maneira tan delicada e sublime falou de nós, de Compostela, da Galiza, da súa identidade e do seu futuro. Luísa amou o concello que agora lle dedica esta humilde mais sentida homenaxe".
No acto participaron, Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa do Concello de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago; Susana Villalta Gómez, irmá da autora homenaxeada; José Luis Teófilo, director e editor en Teófilo Edicións; Concha Losada Vázquez, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957 – 2004)
Traballou diferentes xéneros na súa escrita (dramaturxia, ensaio, narrativa...) nos que destaca a poesía, sendo gañadora do I Certame Literario da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. Facultade onde comezou en 1974 os seus estudos universitarios de Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa.
Ademais de filóloga de formación, foi tamén violinista. Obtivo o Título de Grao Medio e o Grao Superior de Música na especialidade de violín e formou parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia.
Desenvolveu unha intensa actividade cultural e literaria, sendo unha figura pública que sempre mostrou o seu compromiso polas súas crenzas socias e políticas. Compromiso coa lingua e a cultura que tamén trasladou ás aulas. Traballou como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes localidades galegas, sendo en Sada (A Coruña) onde pasaría máis tempo.