O Consorcio de Santiago e Galaxia coeditan un libro que detalla a historia dos tímpanos santiagueses

xoves, 27 Xullo, 2023

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia presentaron este xoves a obra 'Os tímpanos de Compostela' que editan conxuntamente e que foi escrito por Ramón Yzquierdo Peiró. A publicación pertence á Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio.

 

Ao acto de presentación, celebrado na Sede de Afundación en Santiago acudiron, ademais do propio autor, a presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

 

Esta publicación afonda nos tímpanos que se espallan por varios edificios da cidade, como os que se poden atopar na catedral e que soen pasar inadvertidos para a maior parte dos composteláns e visitantes.

 

Segundo o autor, a súa representación tiña un simbolismo especial. "Os tímpanos convertéronse no románico en lugares preferentes para presentar as mensaxes principais, dentro dun concepto de porta que, máis alá do seu carácter funcional, tamén era a vía de entrada á salvación", indica Yzquierdo.

 

O percorrido polos tímpanos santiagueses comeza na catedral, nomeadamente co Pórtico da Gloria, onde se culmina a mensaxe co tímpano da Gloria. Tamén se fai fincapé naquelas persoas que contribuíron a que os tímpanos fosen unha forma de contar historias en Compostela, principalmente o bispo Diego Xelmírez e o Mestre Mateo.

 

Outros dos tímpanos que se recollen son o da portada da Corticela, a fachada de San Fiz de Solovio, o de Santa Clara, o que preside o Colexio de San Xerome, ademais dun tímpano perdido que se conservaba no Museo catedralicio e outros do templo compostelán.

 

"A historia dos tímpanos de Compostela ten moito que ver coa propia evolución da cidade ao longo dos últimos séculos da Idade Media", conclúe o autor.

 

Sobre o autor
Ramón Yzquierdo Peiró (Santiago de Compostela, 1972) foi nomeado en 2009 Director Técnico do Museo Catedralicio de Santiago, cargo que ocupa na actualidade. Anteriormente foi conservador desta mesma institución.

 

É Doutor en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, e tamén é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Historia da arte, pola USC; Máster en Xestión e Conservación de Bens Culturais pola Universidade da Coruña; Experto Universitario en Interpretación Ambiental e Patrimonio Cultural polas Universidades Abertas de Cataluña e Baleares; e Especialista en conservación do Patrimonio Cultural polo Instituto do Patrimonio Histórico Español (Ministerio de Cultura).