O Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny presentan un libro que afonda nas sagas empresariais da cidade

xoves, 30 Novembro, 2023

O Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny presentaron este xoves o libro 'Sagas empresariais de Santiago' que coeditan entre ambos e que pertence á Biblioteca de Divulgación do Consorcio.

 

Esta publicación contén quince textos de nove autores distintos nos que en cada un deles fálase dunha dinastía empresarial compostelá. Estes textos están coordinados por Miguel Cabo Villaverde, catedrático de Historia na Universidade de Santiago, e Rafael García Ferreira, doutor en Historia Contemporánea na mesma institución.

 

Á presentación acudiron, ademais dos dous editores, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a directora da editorial Guiverny, Belén Fortes, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

 

Nesta publicación, un grupo de especialistas vencellados á USC, xuntou esforzos para rastrexar a memoria dun feixe de empresas familiares compostelás, representativas de diferentes sectores como a industria, a banca, o comercio ou a hostalaría.

 

Estes relatos permiten, por unha parte, completar a imaxe da cidade e, pola outra, dar un novo punto de vista acerca de pezas fundamentais da memoria histórica de Compostela a través de empresas das que boa parte delas están en activo nos nosos días.

 

No libro recóllense, entre outros, relatos sobre Simeón García, a familia Harguindey, a saga de prateiros Otero, Chocolates Raposo, a Compañía Minera Celta, os Castromil, a familia Bescansa, as orixes de Finsa ou os irmáns Portela Seijo. "A historia do Santiago da idade contemporánea tamén é a historia das súas empresas e industrias e, dentro delas, nesta obra ponse o foco nas empresas familiares", destacan os autores.

 

Existen moitos casos na cidade nos que a cultura empresarial se transmite de pais a fillos, pero dar continuidade a estas compañías non sempre foi sinxelo e xenera moitas eivas. "Entre elas estarían a rixidez, a dificultade para incorporar novas formas de actuación que rompan coa tradición herdada, as crises inherentes a cada tránsito xeracional, os conflitos derivados do solapamento do ámbito familiar co da xestión e da propiedade ou a pouca imparcialidade na selección do persoal", inciden Cabo e García.

 

Na escritura dos textos desta obra participaron Conchi López Sánchez, Herminia Pernas Oroza, Ana Pérez Varela, Xavier Castro Pérez, Xurxo Antelo Alvite, Daniel Seijas Llerena e Eduardo Rico Boquete, ademais dos dous editores. Todos eles teñen relación coa Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.