O Consorcio ampliará o Museo do Pobo Galego

martes, 7 Novembro, 2017

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Na xuntanza aprobáronse varios asuntos de trámite ordinario. E, ademais, avanzouse nas principais liñas e proxectos que integrarán o presuposto do vindeiro ano, contando coas mesmas aportacións que as do presente exercicio por parte das tres Administracións, que suman un importe global lixeiramente superior aos 9 millóns de euros, aínda que debe ser aprobado no Consello de Administración de decembro. E, tal como sinalou o alcalde, “ademais da xestión da Real Filharmonía de Galicia, o Consorcio segue coa súa filosofía de mantemento do casco histórico, a través da posta en valor tanto dos monumentos e edificios patrimoniais como das vivendas e locais comerciais, en cantidades similares ás deste ano”.

 

Na Comisión Executiva deuse conta de que, por acordo das tres Administracións, o Consorcio de Santiago será o organismo encargado de financiar o cambio de denominación do aeroporto compostelán de Lavacolla ao de Lavacolla-Rosalía de Castro. A aportación para este fin, centrado na substitución e adaptación de toda a sinaléctica, será duns 50.000 euros. E agárdase que este cambio comece a facerse efectivo a comezos do vindeiro ano.

 

Ampliación do Museo do Pobo Galego

 

No apartado de investimentos e dentro dos seus obxectivos de cara á celebración do Ano Santo 2021, o Consorcio ten previsto intervir na sede do Museo do Pobo Galego, no Conxunto de San Domingos de Bonaval. Trátase dunha actuación que, pola súa dimensión e calado, prolongarase nas vindeiras anualidades.

 

A actuación centrarase na ampliación do Museo, recuperando a ala sur do conxunto conventual e o xardín situado ao pé da súa fachada. Así mesmo, o Consorcio comezará a traballar na musealización do futuro espazo expositivo, mediante a subscrición dun convenio coa entidade xestora do museo que permita avanzar neste aspecto. Esta primeira actuación ascenderá a preto de 400.000 euros.

O reto da rehabilitación e a adecuación para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego, da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, no extremo da ala sur, suporá un investimento global que roldará os 2 millóns de euros ata o Ano Santo 2021, o que permitirá ademais a súa apertura ao público.

 

Tal como salientou o alcalde, “hai unha aposta decidida do Consorcio de Santiago polo Museo do Pobo Galego, por convertelo no museo de Galicia”. Coincidindo co vindeiro Ano Santo, o Museo aproximarase ao 45 aniversario da súa creación.

 

Apoio a iniciativas culturais e formativas da cidade

 

Co fin de apoiar diferentes actividades culturais na cidade, o Consorcio mantén unha serie de convenios con diversas entidades coas que colabora dende hai anos. É o caso do Festival Cineuropa, a Fundación Granell e o Auditorio de Galicia.

 

Ademais, destinarase unha axuda á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) para a organización do evento internacional de televisión Conecta Fiction, centrado na coprodución de series e miniseries de ficción entre Europa, Estados Unidos e América Latina. Tralo éxito da primeira edición, celebrarase de novo na cidade compostelá en xuño de 2018.

 

Tamén se avanzou nun novo convenio coa Fundación laboral da Construción -xa instalada na súa nova sede do Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba- para a realización de accións formativas vencelladas ao eido da rehabilitación.

 

Por outro lado, no transcurso da xuntanza propúxose incrementar a dotación ao Programa ConCiencia de divulgación científica da Universidade de Santiago, que esta mesma fin de semana recibía o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas. O Consorcio colabora con este programa dende a súa creación, no ano 2006, e a finalidade é traer máis premios Nobel a Santiago e aumentar as actividades de divulgación científica na cidade.

 

Outras intervencións en monumentos e axudas á mellora de inmobles e locais comerciais da cidade histórica

 

Entre outras actuacións que se propoñen para 2018, están as intervencións nas igrexas de San Fructuoso e Santas Mariñas, a restauración do retablo da capela da Pastoriza e continuar coas obras no Auditorio de Galicia. Tamén se manterán as habituais liñas de axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica; o programa “Localízate”, destinado a mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados neste ámbito; así como o programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica.