O Consorcio de Santiago inaugurou este martes a exposición 'Santiago proxectado, arquitecturas non construídas' que se poderá visitar na Casa do Cabido ata mediados do mes de febreiro.
Esta mostra pioneira reúne por primeira vez en Compostela e en Galicia unha serie de proxectos urbanísticos e arquitectónicos xestados ao longo da historia da cidade e que por diversas circunstancias non chegaron ao seu fin e permanecen no descoñecemento ou no esquecemento.
O proxecto expositivo foi comisariado polo historiador e xornalista Fernando Franjo e a historiadora da arte Ana Paula Castro. Contou tamén co apoio técnico dun equipo de arquitectos coordinado por Paula Franjo.
Ao acto de apertura acudiu, ademais dos promotores, a presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente da institución interadministrativa, Belén Hernández; o responsable de publicacións e exposicións do Consorcio, Juan Conde, así como membros da corporación municipal santiaguesa.
'Santiago proxectado' fai un percorrido cronolóxico pola historia de Compostela baixo o punto de vista da súa arquitectura non edificada e, en opinión dos comisarios, ademais da visibilización destes proxectos arquitectónicos e urbanísticos, pode entenderse como unha reflexión sobre a historia social e cidadá e un paso máis no coñecemento do pasado compostelán.
Catorce proxectos
A exposición analiza un total de catorce proxectos que puideron supoñer unha enorme mudanza na configuración urbanística da Compostela que hoxe en día coñecemos. Algunhas destas propostas foron redactadas por grandes mestres da arquitectura do talle de Rafael Moneo, Álvaro Siza, Norman Foster, Antonio Palacios ou Alejandro de la Sota, entre outros. Ademais, unha liña do tempo nomea un total de máis de corenta proxectos non executados pouco coñecidos.
As salas da Casa do Cabido estrutúranse en catro bloques temáticos: A primeira delas fala da Catedral e a súa contorna; a segunda, tamén no primeiro andar, está dedicada á Alameda e as aperturas de Compostela; xa no andar superior atópase unha sala que trata do Ensanche e os bordos do Casco Histórico e, para finalizar, Os límites urbanos, as últimas décadas.
Pezas orixinais
O carácter do traballo é eminentemente divulgador e destinado ao público xeral. Para facilitar a comprensión de todos os traballos, cóntase con máis de trinta paneis informativos e medio centenar de planos, ademais de recreacións en 3D, ortofotos e reproducións axonométricas dalgúns dos seus principais proxectos.
Tamén se conta con pezas orixinais como o plano da Praza de Santa Susana (1782), imaxes das escavacións na Quintana en 1964 onde se descubriron restos da cabeceira gótica da Catedral, maquetas non executadas da Cidade da Cultura ou bosquexos orixinais do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota para a Biblioteca Intercentros da USC (1993).
'Santiago proxectado, arquitecturas non construídas' disporá dun total de cinco pezas audiovisuais, entre as que destaca unha recreación hipotética da cabeceira gótica que comezou a construírse en 1258 na Catedral de Santiago que foi paralizada de maneira inmediata ou un documental inédito do Edificio Castromil gravado pouco antes da súa derruba en 1975 que inclúe as derradeiras imaxes do interior do edificio e o proxecto realizado para a súa rehabilitación que foi finalmente desbotado.
Tamén haberá testemuños exclusivos realizados para esta mostra por parte de expertos ou algún dos autores dos proxectos como é o caso de Rafael Moneo ou Álvaro Siza, que falan dos seus proxectos non executados na capital galega.
'Santiago proxectado, arquitecturas non construídas' estará aberta ao público na Casa do Cabido da Praza de Praterías ata mediados do mes de febreiro. Terá entrada libre e un horario de martes a sábado de 10h a 14h e 16h a 20h e domingos de 11h a 14h. Os luns permanecerá pechada.