A Casa do Cabido acolle unha extensa mostra fotográfica de Ksado

xoves, 18 Xullo, 2024

A Casa do Cabido acolleu hoxe a inauguración da exposición "Ksado. Iconas de Galicia" do fotógrafo Luís Casado, de nome artístico Ksado. No acto de apertura da mostra estiveron presentes a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e os comisarios da exposición, Rubén Martínez e Carlos Castelao.

 

Esta mostra de arredor de 300 obxectos entre imaxes, postais promocionais, cromos e material fotográfico orixinal, que pode considerarse como pioneira pola súa gran extensión, contén desde fotografía clásica de estudio ata postais comerciais ilustradas, así como unha cámara de fotos pertencente ao propio Ksado.

 

"Ksado. Iconas de Galicia" invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido á afondar na historia da fotografía galega. A mostra, gratuíta, está aberta en horario de 10 a 14 e de 17 a 21 de martes a sábado, e o domingo de 11 a 14.

 

Comisariado

 

Os comisarios da exposición, o fotohistoriador Carlos Castelao e o profesor Rubén Martínez, impulsaron esta mostra co obxectivo de incidir na importante labor de salvagardar e revalorizar este material único. Actualmente colaboran nun estudo arredor da figura de Ksado, para así poder crear o que pretende ser a biografía definitiva deste autor.

 

 

Ksado (1888-1972)

 

Luís Casado, de nome artístico Ksado, foi un fotógrafo español coñecido pola súas fotografías de Galicia de principios do século XX. Fillo dun ex militar que obtivo un posto na Facenda, a primeira infancia de Ksado foi unha peregrinación polos distintos destinos do pai: Ávila, Burgos, Huesca, A Coruña... Finalmente, en 1894 a familia chegou a Ourense, e con quince anos entrou de aprendiz no estudio fotográfico de José Pacheco. Posteriormente tomou a decisión de establecerse pola súa conta, abrindo un estudo en Santiago de Compostela e despois en Vigo. Recoñecido polas novas xeracións de fotógrafos, a moitos dos cales aprendeu o oficio, faleceu na súa cidade de adopción o primeiro de febreiro de 1972, na rúa República Arxentina. Hoxe, máis de medio século despois, a súa fotografía continúa presente nesta terra que o acolleu.