
O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentaron este mércores 9 de xullo no Museo do Pobo Galego a publicación "Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano", obra de Celestino García Braña, que conta coa colaboración do arquitecto Adrián Alonso Lorenzo e que pertence á Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago.
Na presentación o autor estivo acompañado polo director do Museo do Pobo Galego, Lois Ladra; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; o catedrático de Historia da Arte da USC, Alfredo Vigo Trasancos; o director de Teófilo Edicións, José Luis Teófilo e o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde Roa.
A obra "Domingo de Andrade. Continuidad y transformación en un enclave compostelano" recolle o traballo do gran mestre do barroco Domingo de Andrade en Santiago de Compostela. En específico, trata a transformación da cidade entre as prazas da Quintana e Praterías que, cristalizado en longos anos enmarcou unha entrada catedralicia cun Pórtico Real que, tempos despois, sería desprazado; erixiu unha torre-campanario; construíu unha sancristía que logo sería capela do Pilar; incorporou monumentais escaleiras e deu acubillo a singulares cóengos nun elocuente Palacio.
Esta publicación foi seleccionada no certame europeo Architectual Heritage Intervention (AHI) 2025, na categoría de Divulgación. Este certame bienal, que desde o 2013 recoñece as mellores intervencións no patrimonio europeo, realízase conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Cataluña.
Os seleccionados do Premio Europeo AHI 2025 foron escollidos entre un total de 238 proxectos rexistrados, correspondentes a 24 países europeos. Neste sentido, a obra sobre Domingo de Andrade foi seleccionada polos arquitectos Elodie Degavre, Stephen Bates e Mariona Benedito dun total de 28 proxectos na categoría de Divulgación.
Celestino García Braña