
O vindeiro domingo 21 de xuño será o último día para visitar na Casa do Cabido a exposición “A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía”, organizada polo Consorcio de Santiago. A mostra, de acceso gratuíto, reúne unha selección de obras do colectivo artístico LUCET e propón unha interpretación visual da cidade a través da acuarela, da fotografía, do pastel e do óleo.
Desde a súa inauguración o pasado mes de marzo, a exposición recibiu xa 21.981 visitantes, consolidándose como unha das mostras máis visitadas da Casa do Cabido nos últimos anos.
A exposición forma parte do “Proxecto Compostela”, unha investigación visual desenvolvida polo colectivo LUCET na que a práctica artística funciona como ferramenta de análise do territorio, da memoria e da experiencia urbana. A través das súas obras, os artistas ofrecen unha lectura de Santiago como paisaxe cultural construída ao longo do tempo pola interacción entre o espazo, a historia e as persoas que a habitan.
Unha mirada colectiva sobre Compostela
O colectivo LUCET está integrado por Rosario Puente Vázquez, María José Puente Vázquez, Melania Gómez Barral, Ana Cancela Muras, Julia San Martín del Barrio, María del Carmen Valverde, Francisco Hervella Rodríguez, Dolores Mato Gómez e o fotógrafo Salvador Galbán Dios. A diversidade de formacións e linguaxes artísticas dos seus integrantes dá lugar a unha visión plural e complementaria da cidade.
A mostra estrutúrase arredor de tres ámbitos conceptuais: os espazos naturais e periféricos, o tecido urbano histórico e contemporáneo e a presenza humana como elemento vertebrador da paisaxe urbana. A través destes tres eixes, a exposición convida a descubrir unha Compostela afastada da representación turística convencional e achega unha visión sensible da súa identidade cultural e da vida cotiá dos seus espazos.
Ademais, no marco da exposición desenvolvéronse actividades complementarias como sesións de pintura en directo desde os balcóns da Casa do Cabido, na que varias artistas participantes achegaron ao público o proceso creativo das súas obras nunha proposta singular que espertou un notable interese entre visitantes e viandantes.
A exposición poderá visitarse ata o domingo 21 de xuño en horario de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.