Vaise acondicionar o cemiterio da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía

luns, 4 Novembro, 2019

No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo licitou as obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público, por un importe global de 40.979,90 euros. A empresa adxudicataria é Obras Gallaecia, S.L. Prevese que a intervención estea rematada nun período de dous meses e medio.

 

O cemiterio atópase no Campiño de San Francisco, adosado á parte traseira da igrexa da Orde Terceira e ten acceso desde o propio campiño por unha porta con reixa situada no sur do muro da casa reitoral-sacristía. Está pechado por un muro de pedra. Polo seu lado leste linda coa casa reitoral e coa igrexa, polo sur coa costa de San Francisco e ao leste e oeste coa horta-xardín do convento de San Francisco.

 

Na parte meridional da igrexa da Orde Terceira localízase a entrada do seu antigo cemiteiro. Nas lápidas dos seus panteóns atópanse nomes de diferentes familias compostelás. Unha parte do cemiterio contén tumbas dos franciscanos do convento. Trátase dun recuncho practicamente descoñecido da cidade que agora se pretende recuperar e facelo visitable.

 

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Xosé Allegue. Explica que con esta actuación búscase mellorar a conservación do cemiterio. “A falta de mantemento fai que presente problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteran a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foron plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización”. Así, tal como indica o arquitecto, “trátase de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais”.

 

As intervencións propostas

 

O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións previstas, vaise colocar unha placa de bronce na entrada do cemiterio, con indicación dos horarios de apertura ao público, e instalarase iluminación en todo o conxunto. Por outro lado, restaurarase a reixa de entrada e demoleranse os tabiques laterais de ladrillo. Mellorarase a carpintería de acceso á sacristía e pintaranse os paramentos revocados.

 

O pavimento de pedra vaise mellorar, empregando lousas vellas con xuntas abertas para facilitar o crecemento da herba. A escalinata vaise limpar e consolidar. E na plataforma inferior vanse reordenar os pavimentos, respectando as laudas existentes. Ademais, tamén se limpará o monumento central e as liñas de nichos. E colocarase unha varanda tanto na plataforma superior como na escaleira.

 

En canto á vexetación, vaise cortar a acacia negra situada na entrada debido a que o seu sistema radicular está a danar o edificio. Tamén se eliminarán as sebes de buxo que se atopan en mal estado e plantarase céspede. Farase unha poda xeneralizada de todas as especies arbóreas, ao tempo que se plantarán novas árbores.