Unha guía recolle as gárgolas máis singulares dos edificios e monumentos históricos de Santiago

xoves, 19 Outubro, 2023

O Consorcio de Santiago e a Editora Alvarellos presentaron este xoves no Centro Internacional de Prensa de Galicia o libro 'Gárgolas de Compostela', unha edición trilingüe en galego, castelán e inglés, escrito por Benxamín Vázquez e que contén fotografías de Xaime Cortizo. Esta guía pertence á biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio.

 

Á presentación, ademais dos dous autores, acudiron a presidenta do Consorcio de Santiago e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde, e o editor, Henrique Alvarellos.

 

Segundo Benxamín Vázquez, "Santiago de Compostela é quizais a cidade europea con maior densidade de gárgolas". Desas "máscaras pétreas", tal e como son definidas, "hai máis de 300, e nesta guía selecciónanse 30 das máis singulares, nunha ollada nova e moi sorprende desta capital", indica.

 

As gárgolas detalladas non seguían ningún patrón particular. "Estas non retratan a realidade, nin pretenden ningunha catequese nin sermón, pois aínda que os canteiros recorran aos modelos do bestiario medieval, daquela xa non tiñan a significación moralizante, nin achegaban as mensaxes bíblicas do tempo anterior", tal e como relata Vázquez.

 

O autor chega á conclusión de que parte destas gárgolas eran froito do entretemento, ademais de caprichos dos canteiros: "os artífices desas pezas divertíanse tallando bestas, que perderan o seu simbolismo inicial; ou ben facendo na pedra caricaturas da xente, hoxe en día descoñecidas; ou ben lembrando vellos mitos; ou ben asomando as canles mellor ornamentadas e máis atraentes, nas alturas máis inaccesibles".

 

Na guía, cada unha destas gárgolas vén indicada coa súa situación, clasificación, información e descrición, acompañada por diversas imaxes ilustrativas delas, obras do fotógrafo Xaime Cortizo. Todas son descritas nos tres idiomas nos que se edita a publicación.

 

Sobre os autores
Benxamín Vázquez é xornalista e escritor, con pasado en diversos xornais e en televisión. No ano 94 publicou para o Consorcio de Santiago o folleto titulado Gorgeos de gárgolas, verdadeiro antecedente, totalmente pioneiro, desta guía que agora ve a luz. Tamén é autor da novela Cando soñar é canso (2003).

 

Pola súa banda, Xaime Cortizo é un dos artistas composteláns que máis ten retratado a capital de Galicia. Leva máis de quince anos como fotógrafo profesional e tamén traballa no eido da comunicación visual e do márketing.