
O prazo para inscribirse nas actividades organizadas polo Consorcio de Santiago con motivo da Semana da Administración Aberta remata este luns 18 de maio. A iniciativa, impulsada internacionalmente pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), busca achegar a cidadanía ás administracións públicas e dar a coñecer o seu funcionamento e actuacións.
Baixo o lema “Ven e coñécenos!”, o organismo desenvolverá entre os días 19 e 22 de maio un programa de actividades gratuítas e abertas ao público, que permitirá coñecer de primeira man o labor do Consorcio na conservación do patrimonio, na rehabilitación arquitectónica e na promoción cultural en Santiago de Compostela.
Ao longo destes catro días, as persoas participantes poderán acceder a espazos de especial interese patrimonial e cultural, así como coñecer distintas actuacións impulsadas polo Consorcio en diferentes momentos da súa traxectoria. O programa inclúe a visita á Igrexa das Ánimas, onde o Consorcio acometeu en 2011 a restauración dos seus retablos; á obra de restauración do hórreo do Parque de Vista Alegre, actualmente en execución; e á Igrexa de Santa María de Conxo, onde está prevista unha futura intervención.
No ámbito cultural, as actividades inclúen a asistencia a ensaios da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, así como unha visita á Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), ambas entidades xestionadas polo Consorcio, permitindo coñecer desde dentro o seu funcionamento e actividade musical.
Ademais, abriranse as portas da sede do Consorcio no Pazo de Vaamonde, edificio que foi residencia do doutor Vaamonde, coñecido médico compostelán que introduciu os raios X na cidade, achegando tamén á cidadanía a historia deste inmoble e a actividade institucional que acolle na actualidade.
As prazas son limitadas e é necesaria a inscrición previa a través do teléfono 981 57 47 00 ou do correo electrónico prensa@consorciodesantiago.org
Programa de actividades:
• Visita á Igrexa de Santa María de Conxo
Martes 19 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa de Sánchez Freire, 128
• Visita á restauración dos retablos da Igrexa das Ánimas
Mércores 20 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa das Casas Reais, s/n
• Asistencia ao ensaio da Real Filharmonía de Galicia
Mércores 20 de maio / 15:30 h – 17:30 h
Xoves 21 de maio / 10:00 h – 12:00 h
Auditorio de Galicia, Sala Ángel Brage
• Apertura da sede do Consorcio de Santiago
Xoves 21 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar, 59
• Visita á EAEM e á obra de restauración do hórreo no Parque de Vista Alegre
Venres 22 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa de Vista Alegre, 1B