Publícase un libro con dous textos nos que Carlos Casares realiza unha viaxe literaria por Compostela

mércores, 24 Maio, 2017

Baixo o título Santiago de Compostela, a cidade do milagre, o Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia acaban de publicar un libro que reúne dous textos pouco coñecidos de Carlos Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

 

Os dous textos orixinais foron escritos polo autor en castelán e publicáronse no ano 1993 en revistas especializadas. O primeiro deles, titulado Santiago. Milagro y leyendas, publicouse na revista “Leer”, dedicada ao mundo cultural e literario. O segundo, El milagro de Santiago de Compostela, publicouse en “Ronda Iberia”, a revista de a bordo da compañía aérea. Nestes artigos o escritor realiza unha viaxe literaria pola cidade de Compostela, ao tempo que afonda na lenda do milagre do Apóstolo Santiago. Este volume recolle ademais a tradución de ámbolos dous textos ao galego e ao inglés.

 

Unha trintena de fotografías de Santiago ilustran os textos

 

O libro, editado en tapa dura, reúne así mesmo unha trintena de fotografías de Santiago, na súa maioría pertencentes ao arquivo do Consorcio de Santiago e ao arquitecto do organismo interadministrativo Ramón Fernández Hermida. As imaxes refírense ao fragmento de texto que ilustran en cada caso. A meirande parte delas amosan distintos espazos da catedral de Santiago, rúas e prazas emblemáticas da cidade histórica, igrexas e outros edificios significativos como a sede da Universidade, esculturas vencelladas ao milagre do Apóstolo, o Camiño de Santiago…

 

Os traballadores máis antigos da editorial, que foran compañeiros de Carlos Casares, lembraban a existencia destes dous textos publicados en revistas nacionais

 

“Carlos Casares dirixiu a Editorial Galaxia durante doce anos. Ademais, este ano foi o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Foi un escritor moi prolífico e dende a editorial tratamos de poñer en valor todo o que escribiu. Iniciamos un proceso de búsqueda de textos seus que tratasen da cidade de Santiago e que non fosen moi coñecidos polo gran público. Botamos man da memoria dos traballadores máis antigos da editorial, os que foran os seus compañeiros, que lembraban a existencia destes dous textos publicados en revistas nacionais e que ámbalas dúas publicacións conservaban nos seus arquivos en Madrid” -explica o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro-.

 

O editor salienta que “o primeiro artigo publicouse nunha revista especializada e o segundo nunha revista de viaxes cunha tiraxe de milleiros de exemplares pero de lectura moi circunstancial, de xeito que probablemente os lectores no reparasen no seu día no autor dos textos, polo que consideramos importante poñelos en valor, posto que ademais se trata de textos literarios. A súa unidade temática, centrada en Compostela, levounos a reunilos nun mesmo volume”.