O Consorcio e Galaxia publican a biografía máis completa de Castelao

xoves, 6 Xuño, 2019

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia acaban de publicar Castelao. Construtor da nación. Tomo I 1886-1930, a primeira parte da biografía do intelectual galeguista escrita polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane como resultado da súa tese de doutoramento e que terá continuidade noutros dous tomos.

 

Nesta ampla biografía de 1.331 páxinas recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”. Trátase do primeiro volume dunha “biografía monumental”, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, o libro ilústrase con fotografías que mostran diferentes momentos da súa traxectoria.

 

Esta publicación é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao. O autor plasma, de xeito moi pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de quen foi unha das personalidades fundamentais da nosa terra e analiza todo o que se escribiu sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”. Nesta liña, cómpre ter en conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata 1984.

 

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida” -sinala-.

 

Unha obra repartida por diferentes puntos de Galicia e España, ademais de Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami

 

Castelao nace en 1886 e morre en xaneiro de 1950, de xeito que viviu unha parte relevante da historia de Galicia, como “un dos construtores da nación, unha testemuña privilexiada e un actor”. Tal como resalta o historiador, “achegounos o pobo en imaxes e en letras; os seus debuxos son o maior repertorio gráfico para ilustrar a nosa historia contemporánea. Foi protagonista político para que Galicia conseguise o Estatuto de Autonomía. E co tempo foi escollido polo pobo como un dos símbolos de Galicia”.

 

“El creou unha poderosa imaxe de Galicia, unha imaxe que nos doou e que sobreviviu, e que cómpre analizar con rigorosidade. Pero a nós interésanos Castelao na súa integridade e na complexidade das súas relacións” -indica o autor-. Miguel Anxo Seixas explica que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.

 

Ademais, o autor entrevistou a persoas que coñeceron ao rianxeiro ou a súa obra como Lois Tobío, Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Perfecto López Romero, Iris Canabal, Nelly Crestar…

 

Este primeiro volume, que vai de 1886 a 1930, recolle as orixes da súa familia (inclúe unha árbore xenealóxica dos Rodríguez e dos Castelao), o seu nacemento, a realización do Bacharelato en Compostela, os seus estudos de Medicina (durante esta etapa foi guitarrista e caricaturista da Tuna), a súa mocidade, os seus primeiros encontros coa pintura, a escritura e a ilustración, a súa familia, as súas incursións como actor, a súa vida política, as súas viaxes ou a morte do seu fillo, entre outras vivencias. A este volume seguiranlle outros dous, que van de 1931 a 1939 e de 1940 ata o seu falecemento en 1950.

 

Investigador da figura de Castelao

 

Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. É padroeiro da Fundación Castelao dende 1984 e na actualidade é ademais o seu vicepresidente. A finais de 1999 foi escollido pola Fundación Caixa Galicia como comisario para facer unha exposición sobre Castelao en 2000. Entre novembro de 2008 e novembro de 2009 dirixiu a catalogación da súa obra artística. Foi comisario da exposición Castelao maxistral na Cidade da Cultura. Ten publicados varios libros sobre o rianxeiro como Castelao, pintor (2006) ou a obra colectiva Para ler a Castelao I e II (2000).