O Consorcio de Santiago ofrece unha charla sobre a instalación da fibra óptica no casco histórico

Fotografía caixa Compostela
luns, 19 Maio, 2025

O Consorcio de Santiago organiza o mércores 21 de maio ás 10:00h unha charla divulgativa na sede do organismo no Pazo de Vaamonde sobre a instalación da fibra óptica na Cidade Histórica de Santiago de Compostela, que contará cunha visita a un exemplo concreto ao finalizar. Esta actividade realízase dentro do marco da Semana da Administración Aberta, que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás Administracións Públicas e ao seu traballo ordinario.

 

A charla é de balde, e para inscribirse é necesario chamar ao número 981 574 700 ou mandar un correo electrónico á dirección prensa@consorciodesantiago.org, indicando o nome e apelido da persoa asistente.

 

A través dos técnicos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, os asistentes á xornada aprenderán en que consistiu a despregadura de traballos realizados pola operadora Orange, tras unha inversión que superou os 2,4 millóns de euros por parte da operadora e de 238.000 euros por parte do organismo. As tarefas comezaron unha vez aprobado o proxecto en xuño do 2020 e finalizaron a comezos do 2024.

 

Esta despregadura permitiu o acceso á alta velocidade a máis de 6.000 vivendas, grazas aos máis de 21 km de fibra óptica instalados nas consideradas como "zonas brancas" no Plan Especial da Cidade Histórica, é dicir, áreas sen servizo de fibra óptica por parte de algunha empresa operadora. 

 

As características patrimoniais da Cidade Histórica compostelá fixeron imprescindibles unha serie de condicións para a instalación da fibra óptica co obxectivo de minimizar ao máximo o impacto visual, respectar e coidar os elementos patrimoniais da cidade. Entre elas, foi necesario o deseño especial das pequenas caixas "Compostela", das que se instalaron máis de 1.000 na cidade.

 

Outras actividades

 

O Consorcio de Santiago ofrece tamén pola Semana da Administración Aberta dúas visitas guiadas por obras do organismo na cidade de Santiago de Compostela. Os días martes 20 e xoves 22 ás 10:00h, haberá dúas visitas guiadas cun percorrido por intervencións do Consorcio de Santiago na Cidade Histórica, que comezará coa apertura da sede do organismo no Pazo de Vaamonde, continuará pola obra da fachada do Pazo de Raxoi e a obra en marcha na Casa do Cabido, e rematará coas obras de eliminación de barreiras arquitectónicas no conxunto do Museo do Pobo Galego.

 

Para inscribirse é o mesmo método que na charla divulgativa sobre a fibra óptica, é necesario chamar ao número 981 574 700 ou mandar un correo electrónico á dirección prensa@consorciodesantiago.org, indicando o nome e apelido da persoa asistente.