O Consorcio de Santiago lanza unha nova edición do programa 'Ter É Manter' con 700.000 euros para a rehabilitación e mantemento de inmobles da Cidade Histórica

Ter É Manter
mércores, 21 Maio, 2025

O Consorcio de Santiago ven de lanzar una nova convocatoria do programa de "Ter É Manter" de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior das vivendas da Cidade Histórica compostelá, que nesta edición contará cun orzamento de 700.000 euros.

 

Desde a posta en marcha deste programa de axudas no ano 2006, o Consorcio de Santiago puxo a disposición dos veciños máis de 3.00.000 de euros para estas accións de mellora dos inmobles da cidade histórica, e concedéronse máis de 700 subvencións. Durante o 2024 concedéronse subvencións a un total de 63 inmobles, tanto para a súa rehabilitación como mantemento.

 

Estas axudas abranguen a restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico tanto de madeira como galerías, fiestras e portas de entradas aos edificios; restauración de reixas; mantementos de elementos da envolvente exterior como fachadas exteriores ou patios interiores e cubertas; mellora da eficiencia enerxética e do illamento acústico; así como a consolidación ou reposición das estruturas tradicionais da madeira.

 

As solicitudes poderán realizarse ata o 20 de xuño a través da sede electrónica do Consorcio de Santiago (http://www.consorciodesantiago.gob.es/carpetaciudadana/tramite.aspx?idtramite=24008), así como de maneira presencial no rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59).

 

"Ter É Manter"

 

O programa "Ter É Manter" beneficia a propietarios, arrendatarios e titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble, así como a comunidades de propietarios.

 

Para poder acceder a estas axudas é requisito estar dentro do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica; que o inmoble a manter teña unha antigüidade superior aos dez anos e cumpra coas condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte á choiva.