O Consorcio de Santiago difunde dous vídeos nos que o ourive compostelán Julio Lado explica os detalles do seu oficio

luns, 27 Novembro, 2023

O Consorcio de Santiago vén de facer públicos na súa canle de Youtube dous vídeos realizados no último ano nos que o ourive compostelán Julio Lado explica como é o seu traballo e as súas ferramentas no obradoiro da Rúa do Vilar.

 

No primeiro dos vídeos, o xoieiro realiza unha peza en prata na que vai relatando como son os pasos que vai dando no seu traballo artesá. Na outra peza audiovisual explica como é o nome das ferramentas que utiliza e para que serven, xa que a maioría delas foron feitas polos seus antepasados.

 

Julio Lado, con 83 anos, é o decano dos prateiros e ourives da cidade, sendo a quinta xeración da recoñecida familia de artesáns Lado. Iniciouse no oficio por consello do seu irmán Ángel aos 15 anos tras a morte de seu pai. Foi tamén un dos fundadores da Asociación de Ourives de Compostela.

 

O ourive pertence a unha saga con máis de 200 anos de traxectoria. O seu avó recibiu a medalla de ouro ao mérito artesán no ano 1909, cunha bandexa que elaborou para o rei Afonso XII. O seu irmán Ángel, o seu mestre, foi Premio Nacional de Ourivería en 1947. Julio recibiu en 2016 o Premio á Traxectoria dos Premios Artesanía de Galicia, galardón que valora tanto a calidade da obra coma o seu compromiso coa transmisión dos valores da artesanía.

 

Moi especial foi a visita que recibiu tras a morte de Balduíno de Bélxica no ano 93, cando a raíña Fabiola, informada das súas cualidades polos seus familiares donos do Pazo de San Lourenzo, faille persoalmente o encargo dunha lámpada de prata de dous quilos en forma de corazón.

 

Julio retirouse no ano 2011 e tras case século e medio de traballo ininterrompido, pechan a xoiería e o taller pola xubilación del. Xubilación que non sería para Julio, entusiasta constante da creación, que continúa traballando nun espazo propio no corazón do casco histórico da súa benquerida Compostela.

 

No ano 2021, o Consorcio realizou unha mostra na sala de exposicións da Casa do Cabido homenaxeando a súa traxectoria como o derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría. Esta reuniu unha selección de pezas realizadas por el ao longo da súa vida como mestre do cicelado e do repuxado, técnicas centenarias en perigo de desaparición. Recreouse ademais un pequeno taller artesanal con ferramentas tradicionais moi antigas.

 

Os audiovisuais foron promovidos polo Consorcio de Santiago, coordinados por Chus Iglesias e Juan Conde e realizados por Xosé Bocixa.

 

Ligazóns aos vídeos:
-Realización dunha peza artesá
-Explicación das ferramentas