"Lousas dun mesmo Mundo", a mostra fotográfica de Denís Estévez que acolle a Casa do Cabido

martes, 27 Febreiro, 2024

A Casa do Cabido acolleu a mañá do martes 27 de febreiro a presentación da exposición 'Lousas dun mesmo Mundo' de Denís Estévez. Ao acto de apertura da mostra fotográfica acompañaron ao artista a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

 

Esta mostra supón un percorrido visual e poético por un total de 20 montaxes fotográficas. En palabras de Xosé Manuel Villanueva, esta colección fotográfica supón, máis ca unha mostra fotográfica, un 'poemario visual'.

 

20 fotografías, 20 poemas


A obra de Denís Estévez Fernández destaca en todos os formatos pola súa plasticidade e versatilidade. Nesta ocasión, forman a exposición 20 fotografías en branco e negro que cabalgan entre a poesía e a fotografía, baixo o evocador título de 'Lousas dun mesmo Mundo'.

 

As imaxes da mostra están creadas grazas á técnica do collage. Cada unha das pezas que o visitante pode observar está composta por dúas imaxes que separadas carecen de sentido pero que xuntas crean unha visión poética que invita ao espectador a unha dobre relectura crítica, tanto das composicións mostradas como do mundo no que vivimos.

 

A collage fotográfica mostrada crea unha montaxe irreal e única, en palabras do propio artista, o que fai que a selección escollida deba 'entenderse como unha colección de poesías' segundo o expresado por Xosé Manuel Villanueva. Unha 'combinación de imaxes poderosas e títulos reveladores' como AUTORRETRATO, CEOS ou NUN MESMO MUNDO crean unha mostra fotográfica chea de metáforas visuais.

 

Denís Estévez Fernández
https://denisestevez.gal/

 

Denís Estévez Fernández (Santiago de Compostela, 1980) é un artista multidisciplinar que ten traballado a pintura e o dibuxo. Adícase á fotografía profesional tras finalizar o Ciclo Superior de Fotografía na EASD Mestre Mateo.

 

Traballa para diferentes empresas no ámbito da arquitectura e a paisaxe e colabora en publicacións gráficas, literarias e monografías. No 2018 foi artista residente na Fundación Eugenio Granell, onde produciu e mostrou a exposición "Agora Ágora". Ten participado tamén desde o 2004 en exposicións colectivas, destacando 'A paisaxe e a súa pegada II' no 2019 na Casa do Cabido ou exposicións en galerías compostelás como 'A fin do camiño' e '15', no 2016 e 2015 respectivamente e ámbalas dúas na Galería Espacio 48 de Santiago de Compostela.

 

O traballo artístico de Denís pode verse en diferentes institucións, tanto en Galicia como en España, como a Deputación de Ourense, Deputación de Córdoba, Fundación Caixa Tarragona, Fundación Eugenio Granell, Fundación Catedral de Santiago, Consorcio de Santiago e Museo do Pobo Galego.

 

'Lousas dun mesmo Mundo' invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido á reflexión crítica. A mostra, gratuita, está aberta en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 de martes a sábado, e o domingo de 11 a 14.