José Antonio Domínguez Varela toma posesión como novo xerente do Consorcio de Santiago

Toma de posesión José Antonio Domínguez Varela
martes, 18 Febreiro, 2025

José Antonio Domínguez Varela tomou posesión hoxe do seu cargo como xerente do Consorcio de Santiago, tras a aprobación do seu nomeamento no Consello de Administración do organismo que tivo lugar o pasado día 6 de febreiro e a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) o día 14 de febreiro. A presidenta do ente interadministrativo e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, estivo presente durante o acto administrativo no Pazo de Vaamonde, sede do Consorcio de Santiago.

 

O novo xerente foi designado tras un proceso que por primeira vez se desenvolveu cunha convocatoria aberta publicada no BOE con base a uns criterios acordados no seo do propio Consorcio no que están representados as tres administracións. Para o proceso de selección de libre designación, o Consorcio convocou unha comisión de selección na que participaron as tres administracións e que incluíu entrevistas ás persoas candidatas.

 

José Antonio Domínguez Varela

 

José Antonio Domínguez Varela é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha dilatada experiencia na Administración autonómica. Actualmente, dende novembro de 2024, desempeñaba a función de subdirector xeral de Emprendemento na Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e, con anterioridade, foi vicesecretario xeral na Secretaría Xeral Técnica da actual Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

 

Ademais, tamén foi presidente da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela de Santiago de Compostela, dende 2022; e vicepresidente da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago de Compostela, desde xullo de 2024.