David Chipperfield, premio Pritzker 2023, participou no programa ConCiencia

xoves, 9 Novembro, 2023

A que se parece o progreso? Segundo David Chipperfield, premio Pritzker 2023, nas últimas décadas todos os países do mundo sufriron unha importante escalada no eido da construción pero é agora cando se está empezando a cuestionar se o impacto dese desenvolvemento foi realmente positivo para as comunidades e de que xeito influíu no territorio. Para o gañador do popularmente coñecido como o premio Nobel da Arquitectura, o futuro pasa por “integrar a sustentabilidade a través da reutilización de edificios, o cal é sempre mellor que construír outros novos”, afirmou no encontro que mantivo este mércores 8 cos medios de comunicación no Colexio de San Xerome.

 

O arquitecto ve en Galicia todo un referente nese modelo de progreso sostible e reflexiona sobre como é posible que nun contexto no que a economía non é tan potente como noutros países do mundo, a poboación acade tan boa calidade de vida. “Se cadra non estamos tan atrás”, afirma, “talvez Galicia teña moito que ensinar”. A restauración do Bar do Porto, en Corrubedo, ao que Chipperfield deu unha nova vida, é emblema do que o premio Pritzker entende como a razón de ser da arquitectura. “Unha vila é algo físico pero tamén se trata dunha entidade social”, dixo. “A arquitectura fortalece a actividade social da comunidade”, afirmou. “A rúa é algo social, representa a comunidade e o bar tamén representa a comunidade”, dixo.

 

Chipperfield visita Compostela no marco do programa de divulgación da USC e do Consorcio de Santiago ConCiencia, dirixido polo catedrático Jorge Mira, quen tamén o acompañou durante a rolda de prensa xunto a Manuel Rodríguez, xerente da Fundación RIA. Antes de atender os medios, Chipperfield mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López e asinou no Libro de Honra da Universidade. A continuación, dirixiuse ao Concello de Santiago, onde foi recibido pola alcaldesa Goretti Sanmartín.

 

Primicia mundial
Santiago de Compostela acolleu este mércores 8, en primicia, a proxección da versión abreviada do documental do Premio Pritzker 2023 a David Chipperfield. O acto desenvolveuse no Centro Galego de Arte Contemporánea. No inicio da sesión, proxectouse a versión abreviada do documental oficial do Premio Pritzker, peza audiovisual que inclúe imaxes exclusivas da cerimonia de entrega do premio, que tivo lugar na Ágora Antiga de Atenas en maio de 2023, intercaladas con comentarios sobre a súa obra a cargo de anteriores galardoados e membros do xurado.

 

Este documental é unha tradición incluída no cerimonial do premio dende 2020. Nese ano non se puido celebrar a cerimonia presencialmente e no seu lugar realizouse unha peza audiovisual, a modo de celebración virtual do galardón. Este acto virtual mantívose en posteriores edicións, realizándose proxeccións en cidades do mundo significativas para o galardoado. No caso de Chipperfield, esas cidades serán Londres, Berlín, Venecia, Seúl, Shanghái, Nova York e Santiago de Compostela. Deste xeito, a capital de Galicia convértese nunha das poucas cidades do mundo nas que se pode ver o devandito documental antes da súa estrea mundial na páxina e redes sociais do Premio Pritzker de Arquitectura.

 

A continuación, o propio Chipperfield pronunciOU un relatorio ao que lle seguiu o coloquio que serviu de colofón ao acto e no que participaron Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC; a arquitecta Carolyn Steel; Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Luz Paz Agras, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

 

“Arquitectura de presenza cívica”
O Premio Pritzker, considerado popularmente como o Nobel da arquitectura, distinguiu a Chipperfield "polo seu compromiso cunha arquitectura de presenza cívica sobria pero transformadora e a definición —mesmo a través de encargos privados— do espazo público, desenvolvida sempre con austeridade, evitando movementos innecesarios e afastándose de tendencias e modas, o cal é unha mensaxe de gran relevancia para a nosa sociedade contemporánea”. Chipperfield mantén ademais un estreito vínculo con Galicia a través da Fundación RIA, iniciativa filantrópica que busca conectar retos globais con contornas concretas, establecendo vínculos entre os axentes públicos e privados necesarios para a execución de proxectos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social do territorio.

 

Biografía
David Chipperfield estudou arquitectura na Kingston School of Art e na Architectural Association School of Architecture de Londres antes de fundar o seu propio estudio en 1985. Creou unha metodoloxía de deseño que agora se utiliza en cinco oficinas de Londres, Berlín, Milán, Shanghai e Santiago de Compostela.

 

É membro do Royal Institute of British Architects e membro honorario do American Institute of Architects e do Bund Deutscher Architekten. Entre os recoñecementos que recibiu están a Orde do Mérito da República Federal de Alemaña, concedida en 2009, e o título de cabaleiro polos servizos prestados á arquitectura no Reino Unido e Alemaña, concedido en 2010. En 2011 recibiu a Real Medalla de Oro de Arquitectura do RIBA e, en 2013, o Praemium Imperiale da Asociación de Arte de Xapón, ambos os dous en recoñecemento ao seu labor ao longo de toda a súa carreira. En 2021 foi nomeado membro da Order of the Companions of Honour polos servizos á arquitectura, e en 2023 foi galardoado co Premio Pritzker de Arquitectura.

 

Ademais do seu traballo de deseño arquitectónico, David Chipperfield impartiu clases e deu conferencias en escolas de arquitectura de todo o mundo. En 2012 comisariou a 13ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia baixo o título ‘Common Ground’. Foi o mentor de arquitectura entre 2016 e 17 para a iniciativa Rolex Mentor and Protégé Arts. En 2017 fundou a Fundación RIA, unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento económico, ambiental e cultural en Galicia.

 

David Chipperfield publicou numerosos libros e artigos, incluíndo On Planning - A Thought Experiment (2018), unha publicación que explora e teoriza as características urbanas dos desenvolvementos urbanos contemporáneos. En 2020 foi o editor invitado da revista italiana de deseño Domus.