Comezan as obras de conservación e mellora de eficiencia enerxética da fachada leste do Pazo de Raxoi

mércores, 22 Febreiro, 2023

O Consorcio de Santiago iniciou nos últimos días as obras de conservación e mellora da eficiencia enerxética da fachada leste do Pazo de Raxoi, un proxecto que buscará mellorar as condicións de habitabilidade do edificio que acolle o Concello, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega. Farase a través da renovación de carpinterías e saneado da fachada que dá á Praza do Obradoiro.

 

A intervención realizará un mantemento do estado das pedras da fachada, e busca tamén renovar as carpinterías da cara leste por novas fiestras de madeira que garantan un maior illamento térmico, así como tamén a restauración dos enreixados existentes nos balcóns, a limpeza e consolidación dos elementos escultóricos da fachada e a eliminación e integración dos cables, cámaras e farois da fronte do Pazo.

 

A obra será realizada en tres tramos diferenciados. O primeiro tramo no que se comezou a traballar é o lado dereito do edificio e posteriormente continuarase cos demais.

 

O proxecto de mellora enerxética será levado a cabo pola empresa Obras Gallaecia, que foi a adxudicataria da licitación por un importe total de 548.912€, IVE incluído.

 

Esta mellora continúa a rehabilitación exterior do Pazo de Raxoi logo de que no 2022 se completase a renovación das cubertas e pluviais e no pasado se fixesen tamén intervencións no resto de fachadas.