A Casa do Cabido acolle a exposición A pegada do coñecemento. Reúne os principais fondos da biblioteca histórica do IES Arcebispo Xelmírez I, unha das mellores de toda Galicia e que comezou a ser restaurada hai dous anos co apoio do Consorcio de Santiago.
O IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartı́a aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. Recolle os fondos bibliográficos acumulados durante toda a súa historia, procedentes do perı́odo vencellado á universidade, de doazóns de antigos profesores, adquisicións propias… “É posiblemente unha das máis importantes e mellores bibliotecas que se poden atopar nun instituto galego” -asegura a restauradora Barca Cereijo-.
Entre as xoias que poden contemplarse nesta exposición destacan volumes de moi difícil localización na actualidade como Las obras de Pvblio Virgilio Maron, que datan de 1650; un exemplar de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro de 1884; a Historia de la Iglesia de Santiago de Compostela do cóengo Antonio López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1909; a Biblioteca de Autores Españoles, de 71 tomos, publicada en 1864; varias edicións do Diccionario de la Lengua Española da Real Academia; dicionarios e gramáticas dos séculos XVIII e XIX; manuais de matemáticas, historia, física, química, grego...; atlas antigos, lexislación, revistas científicas… Todo este material procede de diferentes países, entre eles Francia, Italia, Alemaña, Holanda ou Arxentina.
Na mostra tamén se reúnen unha serie de láminas murais de elevado valor histórico, que se empregaban antigamente nas clases. Sobresae en particular unhas dos órganos da circulación e respiración humanos do doutor francés Achille Comte, datada en 1845; outra do cerebro dos mamíferos, tamén de Achille Comte; e unha do cangrexo de río, pertencente á colección de láminas de zooloxía do doutor austríaco Paul Pfurtscheller.
Por outro lado, móstranse unha serie de pezas do século XIX de gran valor que se conservan no museo do centro, como “un fole acústico de oito tubos, un aparato de laboratorio que se usaba para estudar o son nas clases de física; un epidiascopio, un proxector que se empregaba nas aulas, procedente de Alemaña en 1927; vasos e probetas de laboratorio e un globo terráqueo” -sinala o profesor César García Camporro-.
O proceso de restauración, aínda en marcha
A exposición recolle ademais como foi o proceso de restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca, xunto ao tratamento xeral das instalacións, que comezou en 2016. Ao longo dese primeiro ano instalouse un sistema de ventilación asistida que permite controlar a humidade relativa, co fin de evitar a proliferación do mofo, ao tempo que se renovaron as fiestras, as librarías e os estantes” –explica a restauradora-.
Debido ao elevado valor dalgunhas pezas, adquiriuse mobiliario de seguridade para custodialas, financiado polo Consorcio de Santiago. O organismo tamén financiou as tarefas de conservación e restauración. Por outro lado, levouse a cabo a limpeza, tratamento e catalogación do museo do centro.
Nunha segunda fase comezouse coa restauración dos exemplares máis valiosos da biblioteca, unha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers, que consta de dezasete volumes de texto e once con láminas, unha edición comezada en 1751 e finalizada en 1772 e que aínda está en proceso de restauración. Tamén se limparon un total de 111 láminas, que serán restauradas en anos posteriores. E concluíu a intervención en obras como Dermatología general, Lecciones clínicas de enfermedades de la piel e Atlas clínico-iconográfico, ao tempo que se limparon un total de 300 mapas topográficos.
A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata principios de xullo
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata principios do vindeiro mes de xullo. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.