
O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentaron este martes 17 de marzo no Museo do Pobo Galego a publicación “Santiago proxectado, arquitecturas non construídas”, unha obra de Paula Franjo Calvo, Fernando Franjo Franjo e Santiago Rodríguez Caramés.
Na presentación os autores estiveron acompañados por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; Concepción Losada Vázquez, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; José Luis Teófilo Piñeiro, director de Teófilo Edicións; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.
A publicación “Santiago proxectado, arquitecturas non construídas” recolle os contidos da exposición homónima celebrada na Casa do Cabido entre novembro de 2023 e febreiro de 2024, organizada polo Consorcio de Santiago e que recibiu a máis de 15.000 visitantes. A través de textos e material gráfico, a publicación propón unha reflexión sobre esas arquitecturas plausibles, utópicas ou teóricas que permiten imaxinar unha Compostela distinta, formada por espazos urbanos que puideron existir e que hoxe permanecen na memoria e no imaxinario colectivo da cidade.
A obra estrutúrase en catro grandes bloques organizados de maneira espacial e cronolóxica en relación coa evolución urbana da cidade: a Catedral e a súa contorna; a Alameda e as aperturas de Compostela; o Ensanche e os bordos do centro histórico; e os límites urbanos. Cada unha destas partes permite comprender como Santiago foi imaxinando o seu crecemento ao longo dos séculos, sempre en diálogo coa Catedral e coa forte carga simbólica que caracteriza a cidade.
Reflexionar sobre a cidade para imaxinar o futuro
Durante a presentación, a alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, puxo en valor a capacidade de Compostela para reflexionar sobre o seu desenvolvemento urbano ao longo do tempo. Neste sentido, salientou que “Compostela demostrou ser unha cidade que reflexiona sobre os seus espazos urbanos e que soubo evolucionar protexendo o seu corazón histórico”, ao tempo que continúa promovendo transformacións para reconectar os tecidos urbanos e o territorio e mellorar a calidade de vida das persoas que a habitan.
A alcaldesa referiuse tamén aos procesos de transformación urbana actualmente en marcha na cidade, entre eles o concurso para o conector central, aberto a profesionais da arquitectura e do urbanismo para redefinir a relación da améndoa histórica cos barrios que a rodean e avanzar cara a unha mobilidade menos centrada no coche. Neste contexto, destacou que revisar os proxectos que nunca chegaron a construírse tamén permite mirar ao futuro con máis perspectiva e lembrou que “a arquitectura ten a virtude de ser vista antes de existir”, unha idea que conecta coa reflexión que propón o libro sobre as diferentes cidades posibles que Compostela puido chegar a ser.
Un proxecto colectivo arredor da Compostela posible
“Santiago proxectado, arquitecturas non construídas” está asinado por Fernando Franjo Franjo, Paula Franjo Calvo e Santiago Rodríguez Caramés, tres dos impulsores da exposición na que se basea a publicación. Fernando Franjo Franjo, historiador e investigador, un dos comisarios da mostra, ten unha amplia traxectoria vencellada ao estudo do patrimonio de Santiago de Compostela. Paula Franjo Calvo é arquitecta, especializada en divulgación cultural e análise do patrimonio urbano, cunha especial atención ás relacións entre cidade, memoria e imaxinario de colectivo. Santiago Rodríguez Caramés é doutor en Historia da Arte, investigador e profesor da UDC, con numerosos traballos centrados na historia urbana, arquitectónica e cultural de Galicia.
Editado en versión trilingüe (galego, castelán e inglés), o libro inclúe máis de duascentas imaxes e conta coa participación de arquitectos, urbanistas e historiadores que colaboraron na exposición e que achegan as súas reflexións sobre os proxectos analizados. Entre eles figuran Álvaro Siza, Rafael Moneo, Alfredo Vigo Trasancos, Jesús Ángel Sánchez García, José Antonio Puente Míguez, Luz Paz Agras, Belén Castro Fernández, Xosé Manuel Casabella, Teresa Couceiro, Yolanda Pérez Sánchez e Antonio Maroño Cal.