
A exposición da Casa do Cabido "Tras a pegada das musas", aberta desde o 24 de maio, recibiu xa a máis de 5.348 visitantes.
A maioría de persoas procederon de Santiago de Compostela e A Coruña, seguidos por visitantes pertencentes as comunidades de Andalucía e Madrid. Tamén chegaron moitas persoas de diferentes países europeos, e mesmo doutros continentes, principalmente América. O perfil do visitante é dun individuo de entre 18 e 30 anos, cun lixeiro predominio das mulleres sobre os homes.
A mostra, que recolle obras da artista plástica compostelá María Eiras, de nome artístico Mareiras, conta cunha iniciativa de pintura en vivo, na cal a artista desde a apertura da exposición pinta en directo un cadro de gran formato nas dependencias da Casa do Cabido. A derradeira sesión terá lugar o día 11 de setembro de 18:00 h a 20:00 h, na que Mareiras rematará a obra e a asinará.
A exposición será clausurada o domingo 26 de outubro, e está aberta de balde en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h de martes a sábado, e o domingo de 11:00 h a 14:00 h.
Tras a pegada das musas
Nesta exposición Mareiras e o Consorcio de Santiago invitan aos asistentes a realizar un percorrido expositivo que fala de oito mulleres artistas cunha creatividade poderosa e singular: a condesa Oldini, Isabel Rawsthorne, Suzanne Valadon, Bella Chagall, Lidia Delectorskaya, Teresa Arijón, Celia Paul e Ethel Warwick. Ademais, Mareiras inclúe a súa propia musa masculina, Fausto. Deste xeito, a artista rompe co discurso artístico hexemónico e reivindica a posibilidade de que os homes encarnen o papel de musa.
Inspirada polo libro "A muller pintada" de Teresa Arijón, a intención das obras de Mareiras é revalorizar os nomes destas grandes creadoras, devolvéndolles o lugar na historia que se merecen e que o relato canónico lles negou.