
O Consorcio de Santiago inaugurou este venres 20 de marzo a exposición "A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía", unha mostra que reúne unha selección de obras do colectivo artístico LUCET e que propón unha interpretación visual da cidade a través da acuarela, da fotografía, do pastel e do óleo. No acto de apertura asistiu a alcaldesa e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, o xerente do organismo interadministrativo, José Antonio Domínguez, o responsable de exposicións do Consorcio, Juan Conde, e membros do colectivo LUCET.
A exposición forma parte do Proxecto Compostela, unha investigación visual desenvolvida polo colectivo LUCET na que a práctica artística funciona como ferramenta de análise do territorio, da memoria e da experiencia urbana. A través das súas obras, nas que a acuarela ocupa un lugar central, os artistas propoñen unha lectura da cidade entendida como paisaxe cultural, construída ao longo do tempo a partir da interacción entre o espazo, a historia e as persoas que a habitan.
A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h y de 17:00 h a 21:00 h y domingos de 11:00 h a 14:00 h.
Mostra plural e diversa
A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, salientou durante a súa intervención o carácter coral da mostra e o efecto que esa autoría colectiva ten sobre a ollada que constrúe de Santiago de Compostela. Así, afirmou que o conxunto de acuarelas e fotografías expostas "poñen en valor o perfil patrimonial, contemporáneo e rural do municipio de Santiago de Compostela", conformando "un ollar plural" froito dunha "diversidade de pequenos ollares distintos" ao xeito do "mar de lumes de Eduardo Galeano".
Unha mirada colectiva sobre a cidade
O colectivo LUCET está integrado polos creadores plásticos Rosario Puente Vázquez, María José Puente Vázquez, Melania Gómez Barral, Ana Cancela Muras, Julia San Martín del Barrio, María del Carmen Valverde, Francisco Hervella Rodríguez, Dolores Mato Gómez e o fotógrafo Salvador Galbán Dios. A diversidade de formacións e linguaxes artísticas dos seus integrantes dá lugar a un discurso coral no que as miradas individuais conflúen nunha interpretación compartida de Compostela.
A mostra estrutúrase arredor de tres ámbitos conceptuais interrelacionados: os espazos naturais e periféricos, o tecido urbano histórico e contemporáneo e a presenza humana como elemento vertebrador da paisaxe urbana. Estes tres eixes permiten explorar unha cidade na que se superpoñen tempos, usos e significados, configurando así a identidade complexa de Compostela.
Os arredores naturais, como ríos, camiños e paisaxes limítrofes, preséntanse como espazos de tránsito entre o urbano e o rural, mentres que no ámbito urbano a cidade histórica e a cidade nova aparecen como un territorio estratificado no que a arquitectura actúa como soporte da memoria colectiva. A presenza humana introduce, ademais, unha dimensión social que reforza a idea de Compostela como un lugar de encontro, movemento e transformación constante.
“A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía” convida a descubrir unha visión pausada e sensible da cidade, afastada da representación turística ou meramente documental, e propón unha aproximación artística que pon en valor a súa identidade cultural e a experiencia cotiá dos seus espazos.