O Consorcio de Santiago participa na Noite do Patrimonio con dúas visitas guiadas á exposición da Casa do Cabido

xoves, 11 Setembro, 2025

A artista compostelá Mareiras acompañará ao público nun percorrido pola súa exposición “Tras a pegada das musas” en dous pases, ás 21h e ás 22h


O sábado 13 de setembro, o Consorcio de Santiago participará da celebración da Noite do Patrimonio, unha iniciativa cultural que se desenvolve de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Durante unha noite única, os seus centros históricos convértense en escenarios vivos onde dialogan a arte, a historia e a cidadanía.


Nesta edición, o Consorcio participa cun programa especial centrado na Casa do Cabido, espazo que permanecerá aberto ao público entre as 21:00 e as 23:30 horas. A protagonista será a artista compostelá María Eiras, Mareiras, quen guiará dúas visitas á súa exposición “Tras a pegada das musas”.

 

·       21:00 h - Saída desde o seu estudo (Mareiras Espacio de Arte, rúa do Preguntoiro 9, 1º esq.), cun percorrido ata a Casa do Cabido e visita guiada á mostra.

·       22:00 h - Visita guiada nas dependencias da Casa do Cabido.


Ademais, entre
os pases e ata o peche das instalacións, ás 23:30 horas, o público poderá gozar do proceso creativo en directo da artista, que estará pintando nos baixos da Casa do Cabido.


Con esta proposta, o Consorcio de Santiago súmase á celebración da Noite do Patrimonio poñendo en valor a creación contemporánea nun dos edificios máis emblemáticos do casco histórico compostelán.