O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia coeditan un libro que recolle cantigas vencelladas á cidade

Presentación do libro "Cantigueiro de Compostela"
mércores, 25 Xuño, 2025

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia presentaron este martes 24 de xuño no Museo do Pobo Galego a obra "Cantigueiro de Compostela", unha recompilación de cantigas vencelladas a Santiago de Compostela escolmadas por Marcos Calveiro e Alba Gil Vicente e pertencente á Biblioteca Literaria do Consorcio.

 

Esta publicación sumase as homenaxes ás Letras Galegas deste ano, adicadas á poesía popular oral galega e personificadas nas cantareiras, facendo fincapé na importancia de coidar e divulgar esta creación colectiva, oral e anónima tan valiosa e representativa da cultura de Galicia.

 

Na presentación os escolmadores estiveron acompañados pola alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, María Concepción Losada Vázquez; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro e o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde Roa.

 

En "Cantigueiro de Compostela" distínguense dous grupos de cantigas. Por unha banda, aquelas recollidas en Santiago de Compostela, especialmente no lugar de Folgoso e na parroquia de Santa María de Figueiras. Por outra banda, as cantigas onde se menciona á cidade, o seu santo, os seus mosteiros, de San Martiño a San Francisco, e algunhas das rúas máis senlleiras, do Vilar á Calderería, ou lugares, como Conxo e o Pico Sacro.

 

Na publicación as cantigas van acompañadas por imaxes do século XX de Santiago de Compostela feitas por Ramón Sánchez Estalote, cuxo fondo fotográfico é custodiado no Arquivo Gráfico do Consorcio de Santiago.

 

Unha valiosa herdanza

 

Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo en valor a publicación, asegurando que recompila "un tesouro de cantigas que se sentiron e se seguirán sentindo na nosa cidade". Deste xeito, recoñeceu o traballo de Marcos Calveiro e Alba Gil, que fixeron posible que a escolma de cantigas vise a luz, grazas tamén ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, imprescindible neste proxecto. Asemade, reivindicou o labor feito tempo atrás por Antón Santamarina e Dorothé Shubarth, a quen lles agradeceu “polo seu inmenso traballo  e o incalculábel amor que deixaron na nosa tradición musical".

 

Sanmartín aproveitou a ocasión para lembrar a figura de Begoña Caamaño, a próxima homenaxeada nas Letras Galegas do ano 2026, a quen describiu como unha "defensora da lingua e intimamente ligada ao movemento feminista e a Compostela", e asegurou a vontade do Concello para "acoller en Santiago de Compostela o recoñecemento que a Academia desenvolverá o ano que vén". “Desde xa expresamos a nosa colaboración para celebrar Begoña Caamaño, para o que contamos coa vontade de movementos sociais e culturais que así nos fixeron chegar o seu desexo de situar Begoña no lugar de honra que lle corresponde”, manifestou.

 

Obra colectiva

Para a realización de "Cantigueiro de Compostela", Marcos Calveiro e Alba Gil Vicente empregaron os arquivos dos estudosos e recompiladores que os precederon, comezando polo padre Sarmiento no século XVIII e rematando con Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no século XX, pasando por Saco e Arce e Domingo Blanco.


A publicación conta cun código QR que permite acceder ás ligazóns cos audios das cantigas recollidas no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), do Museo do Pobo Galego. É accesible na páxina de "Materiais" na web da Editorial Galaxia: https://editorialgalaxia.gal/materiais/cancioneiro-de-compostela/