O Consorcio de Santiago e a editorial Positivas presentan o libro Alfredo Vilas. O republicanismo irredutible do esquecido "Castelar galego"

martes, 5 Marzo, 2024

O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego e contou coa presencia do autor do libro, Gonzalo Vilas, ilustrador, deseñador e humorista gráfico que tamén é descendente indirecto de Alfredo Vilas


O Consorcio de Santiago presentou este martes 5 de marzo no Museo do Pobo Galego o libro Alfredo Vilas. O republicanismo irredutible do esquecido 'Castelar Galego", escrito por Gonzalo Vilas e coeditado polo Consorcio de Santiago xunto coa editorial Positivas.

 

No acto estiveron presentes o autor, Gonzalo Vilas e Francisco Macías, director da editorial Positivas. Tamén asistiron a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e a vicepresidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño.

 

Alfredo Vilas. O republicanismo irredutible do esquecido Castelar galego é un libro homenaxe a unha figura política esquecida para o público xeral, coa que o autor quere recuperar a vida e actividade política de Alfredo Vilas, un dos oradores e políticos máis destacados da fin do século XIX. A pesar de ser unha figura recoñecida en vida, hoxe en día son escasos os episodios nos que participou e polos que é recordado, sendo o máis recoñecido a súa participación no traslado dos restos de Rosalía de Castro a Santiago.

 

Gonzalo Vilas, familiar indirecto do orador, manifesta que desde pequeno xa tiña interese en coñecer máis do descoñecido Alfredo Vilas, a raíz do descobremento nunha vella casa familiar de enseres que pertencían a Alfredo Vilas e unha vella fotografía. Tras investigar na prensa da época e recompilar datos para ter unha biografía máis exacta do orador, Gonzalo Vilas presenta esta obra na que non só rescata a figura do seu antecesor, senón tamén a crónica política e social de finais do século XIX en Galicia. Investigación que a alcaldesa destacou pola súa aportación á historia descoñecida de Santiago de Compostela.

 

Alfredo Vilas (1854 - 1904)

 

Alfredo Vilas é unha figura da política galega de finais do século XIX e comezos do XX destacada pola súa gran oratoria, o que lle valeu o alcume de "O Castelar galego" pola prensa coetánea, tras participar asiduamente en xuízos ou mítins políticos - alcume que algúns autores como Antón Vilar Ponte consideraron inxusto.

 

Médico de formación, exerceu dende moi novo como avogado e participou en mitins republicanos e actos políticos, difundindo o ideario republicano. Foi tamén un fervente participante da política local e actividade literaria, ademais de firme detractor da Igrexa na Compostela do momento.