Últimos días para visitar a exposición 'Lorca en Compostela' da Casa do Cabido

mércores, 25 Outubro, 2023

A exposición 'Lorca en Compostela', aberta ao público desde o pasado 20 de xullo na Casa do Cabido, vive os seus últimos días na sala de mostras do Casco Histórico compostelán xa que estará aberta ata o vindeiro domingo 5 de novembro.

 

Esta mostra xa é a máis visitada desde que a Casa do Cabido está aberta ao público acollendo exposicións, recibindo nestes meses preto de 20.000 visitantes.

 

Ademais, este mércores, acolleu a celebración do Día de Lorca en Compostela no cal participaron un grupo de alumnos do instituto Rosalía de Castro que recitaron os Seis poemas galegos en conmemoración do día no que Federico García Lorca visitou Galicia por primeira vez, no ano 1916.

 

Neste acto, que despois foi complementado por unha ofrenda floral ante a estatua do autor de Fuentevaqueros da Alameda, participou tamén a presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, o comisario da exposición e impulsor desta celebración, o editor Quique Alvarellos, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, así como diversos membros da corporación local.

 

'Lorca en Compostela', mostra que dispón de 80 pezas e documentos, dos que algún deles se exhiben por primeira vez ao público, está estruturada en dez apartados repartidos polas diferentes salas da Casa do Cabido.

 

A través destas pezas pode observarse a fascinación que tiña García Lorca pola cidade de Santiago, a cultura galega e a figura de Rosalía de Castro.

 

O horario de apertura ao público é de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas de martes a sábado, mentres que os domingos o horario é de 11 a 14 horas. A partir do 1 de novembro o horario de tardes adiantarase unha hora e será de 16 a 20 horas.