Miguel Ángel Sánchez del Río detalla a historia da asemblea santiaguesa da Cruz Vermella nun libro editado polo Consorcio

xoves, 2 Febreiro, 2023

O Consorcio de Santiago presentou este xoves na Fundación Granell o libro 'La Cruz Roja en Compostela. Historia de la Asamblea de Santiago' escrito por Miguel Ángel Sánchez del Río.

 

Ao acto acudiron, ademais do propio autor, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; os responsables de publicacións da Editorial Andavira e o Consorcio, Lucila Ventoso e Juan Conde, e o profesor de Historia de Medicina da USC Fernando Ponte.

 

Nesta publicación recóllese a descoñecida historia da benéfica institución na nosa cidade que, sen embargo, contempla algúns fitos a nivel nacional ata acadar os 125 anos de servizo que agora se fan.

 

A orixe da asemblea compostelá parte do suízo Christian Pfister, residente en Santiago, que observou como os soldados españois retornados de Ultramar, desamparados polo Estado, víanse obrigados case á mendicidade, polo que decidiu fundar unha Xunta de Auxilio para socorrelos. Deste modo, o 21 de xaneiro de 1897, créase a Comisión de Partido da Cruz Vermella en Santiago.

 

No libro explícase que polas ringleiras da Cruz Vermella de Santiago pasaron persoeiros como Barcia Caballero, Ángel e Ramón Baltar, Puente Castro, Gil Casares, Fernández Albor, Chocha Bescansa ou Carro Otero. A eles sumáronse moitos voluntarios que dedicaron o seu tempo e esforzo a axudar os demais.

 

Tamén se explican os alicerces, a historia dos seus centros, a súa expansión comarcal, os primeiros servizos á poboación civil, como viviu a Guerra Civil e todas as etapas vividas ata a actualidade.

 

Sobre o Autor
Miguel Ángel Sánchez del Río é mestre especialista en educación especial e audición e linguaxe, licenciado en psicopedagoxía e diplomado en estudos avanzados en métodos de investigación e diagnóstico educativo. Actualmente desempeña o seu labor docente na ensinanza da primaria pública.

 

É, así mesmo, organista da igrexa de San Miguel dos Agros, desde 2002, e da Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario con sede en San Domingos de Bonaval.

 

O seu vencello á Asemblea da Cruz Vermella de Santiago de Compostela remóntase a 1992, ano no que entrou a formar parte do departamento de Socorro e Emerxencias como voluntario, para ser posteriormente socorrista, condutor de ambulancia e socio.