O Consorcio e a USC coeditan un libro sobre o universo gráfico compostelán entre 1450 e 1550

xoves, 9 Marzo, 2023

O Consorcio e a Universidade de Santiago presentaron este xoves na Sede Afundación da Rúa do Vilar o libro 'Escribir en Santiago. El universo gráfico compostelano entre 1450 y 1550' escrito por Adrián Ares Legaspi e que coeditan entre as dúas institucións e pertence á Biblioteca Científica do Consorcio.

 

Ademais do propio autor, á presentación acudiron a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijóo Costa, e os responsables de publicacións do Consorcio e da Universidade, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés.

 

A publicación fai unha análise das relacións económicas, sociais e administrativas do século XV nas que está presente a escritura. Unha época na que "se desenvolve en Europa un verdadeiro imperio das letras", segundo o autor. "A capital deste imperio do noroeste peninsular foi, sen lugar a dúbidas, Santiago, unha cidade neste período con puxantes institucións que utilizaban profusamente a escritura, todas elas cunhas características singulares que estimulan e enriquecen a investigación paleográfica", indica.

 

No libro faise un repaso polos lugares de escritura e escribentes, os modelos gráficos, os factores extra-gráficos, escrituras usuais e a súa difusión social. Con todo, resúmese o estudo da diversidade de modelos gráficos empregados en Compostela entre 1450 e 1550, principalmente entre os profesionais da pluma encargados da confección material de documentos e de códices diplomáticos e libros administrativos: notario, escribáns, amanuenses e copistas, etc. Todo isto nun momento de cambio a todos os niveis: políticos, sociais, culturais, mentais, etc.

 

Sobre o autor
Adrián Ares Legaspi é doutor en Historia pola Universidade de Sevilla e, actualmente, profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade Nacional a Distancia (UNED). Anteriormente foi profesor na Universidade de Zaragoza e responsable de varios proxectos de investigación posdoutorais, así como membro de diversos proxectos e grupos de investigación.

 

As súas principais liñas de traballo enmárcanse na historia da escritura na Coroa de Castela, a produción de documentos e libros na Idade Media e a difusión social da escritura. Participou en múltiples congresos e é autor de publicacións relacionadas coa paleografía, a diplomática e a codicoloxía, polas cales obtivo os premios nacionais de investigación I Premio de Investigación en Historia Patrimonial documental e arquivos Antonio García Rodríguez e o IX Premio a Novos Investigadores en Ciencias e Técnicas Historiográficas.