Actuacións de 2012

O Consorcio de Santiago mantén o programa A pedra que pisas, para a conservación e reparación dos lousados de granito da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. Diferentes equipos de traballo, formados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas do centro histórico. Esta iniciativa, que naceu en 2007, oriéntase á posta en valor e conservación dos máis de 60.000 m2 de lousados de pedra da Cidade Histórica. O programa inclúe actividades de formación, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción e a Xunta de Galicia, así como o concurso "Canteiros no Obradoiro". O obxectivo é formar man de obra especializada, xerando emprego estable e cualificado, e responder á demanda real de mantemento destes lousados, transcendentais no espazo público de Santiago e doutras cidades e vilas galegas.

Ademais, calquera incidente detectado no lousado ou suxestión pode ser comunicada a través da dirección electrónica apedraquepisas@consorciodesantiago.org.