Rehabilitación de monumentos 2016

Colexiata de Sar


Proxecto: aplicación de revocadura de saneamento nos paramentos interiores do claustro da Colexiata de Sar.

Intervención: retirada e protección das pezas artísticas de cantería que hai no claustro de cara a avanzar nun programa expositivo para a súa posta en valor. Substitución da revocadura de cemento deteriorada por unha nova revocadura de saneamento e acabado final de pintura transpirable de silicato.


    



Capela da Quinta Angustia


Proxecto: pintura da fachada da capela da Quinta Angustia

Intervención: limpouse e pintouse a fachada exterior do inmoble nos tres alzados e tamén o interior da capela. Por outro lado, fíxose un traballo de drenaxe do adro, co fin de evitar o encharcamento do espazo da entrada.


      

 

 

Fundación Torrente Ballester


Proxecto: impermeabilización do forxado do baixo cuberta e reparación e posta en marcha do sistema de climatización.

Intervención: impermeabilizouse o forxado do baixo cuberta para evitar as filtracións da auga da chuvia que se producían ao interior do edificio. E reparouse o sistema de climatización, que presentaba deficiencias: substituíuse un compresor que non funcionaba, reparouse o cadro eléctrico e substituíuse o equipo de gas por outro máis respectuoso co medio. As humidades afectaban ao teito do despacho situado na terceira planta, polo que se repuxo o falso teito inferior, pintouse e tamén se substituíu a iluminación.


   



Auditorio de Galicia


Proxecto: obras de mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia

Intervención: reforzarase a seguridade do edifcio fronte ao lume, en particular na sala Ángel Brage e no seu escenario e tamén na sala de exposicións. Ademais, actuarase nas galerías, afectadas pola humidade.


    



Igrexa de San Agustín


Proxecto: reparación do tellado da igrexa de San Agustín.

Intervención: recolocarase a tella, levantada en diferentes partes, substituíndo as pezas que se atopen en mal estado. Ademais, recolocaranse as pranchas de fibrocemento sobre as que se asenta o tellado, xa que están lixeiramente desprazadas en varios puntos. Tamén se restaurará o remate da torre sur co levantado do chumbo que a reviste, ao tempo que se renovarán dúas limas de ferro. E a estrutura metálica da cuberta limparase e logo pintarase con pintura antióxido.


  



Pazo de Raxoi


Proxecto: mellora da eficiencia enerxética da fachada oeste do Plazo de Raxoi.

Intervención: realizaranse intervencións de mantemento destinadas a lograr a estanqueidade da fachada e terraza oeste do edificio, ademais da mellora das condicións de habitabilidade das estancias que dan a esta fachada. Así, optimizarase o illamento térmico e acústico, propoñendo simultaneamente un tratamento paliativo da contaminación por radón e, finalmente, a mellora da eficiencia enerxética, reducindo o gasto por acondicionamento térmico.




Igrexa de San Miguel dos Agros


Proxecto: restauración do retablo da Virxe da Dolorosa

Intervención: estabilizaranse os materiais que conforman o retablo, levarase a cabo a recuperación histórico-estética do conxunto, xunto cunhas pautas axeitadas de conservación preventiva do ben.

 

    

 


Igrexa da Peregrina 


Proxecto: reparación da torre do campanario, pola que entraba a auga da chuvia

Intervención: limpeza da fachada do campanario e do seu contorno. Actuouse no tellado e na fachada exterior do campanario, ao tempo que se melloraron as campás.

 

       

 

 

Convento de Santa Clara


Proxecto: mellora das revocaduras e cubertas e intervención no xardín e no patio para eliminar as humidades da igrexa do convento

Intervención: Aplicación de novas revocaduras exteriores e pintado dos muros. Revisión do tellado e colocación de novos canlóns e baixantes. Remodelación do recheo do xardín e trazado dunha rede de recollida da auga da chuvia. Recondución das pluviais no patio interior.  


    



Mosteiro de San Domingos de Bonaval


Proxecto: eliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Intervención: recebado dos muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa. Protección das monteas localizadas no pavimento, no arranque da escaleira. 

 

      


 

Igrexa de San Martiño Pinario


Proxecto: limpeza do ciborio da igrexa

Intervención: limpeza e rexuntado da terraza, muros e cuberta do ciborio da igrexa para evitar a entrada da auga da chuvia ao interior.  

 

 

    

        

  

Igrexa da Orde Terceira Franciscana


Proxecto: renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa para evitar a entrada de auga ao interior do templo

Intervención: restauración das fachadas sur e oeste da igrexa. Renovación das tellas da cuberta. Saneamento das fachadas e instalación dun canlón e baixantes de cobre. Limpeza da pedra dos cercos das ventás.

  

        

    

Teatro Principal


Proxecto: renovación do escenario e melloras no edificio

Intervención: tarefas de acondicionamento e renovación do sistema escénico: revisión da cuncha acústica, substitución da cámara negra do escenario, instalación dun mecanismo para facilitar o uso da lámpada central e aplicación dun revestimento na estrutura metálica que forma a cuberta do escenario. Substitución dos canlóns situados sobre os muros medianeiros do edificio e reposición de tellas no tellado. Renovación do corpo de vestiarios, mellora da accesibilidade e seguridade nas escaleiras, pintado da fachada traseira do teatro, actualización das instalacións eléctricas e de iluminación das pasarelas e da caixa escénica, e instalación dun moble de información e almacenamento no vestíbulo.

 

 
 

Facultade de Xeografía e Historia


Proxecto: restauración da fachada principal da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

Intervención: o ámbito de actuación da intervención comprendeu a fachada principal da Facultade, cos elementos decorativos e as esculturas de formigón realizadas polo escultor Ramón Núñez Fernández no ano 1901-1902.