A exposición 'Historias de Radio Galicia. 90 anos contigo' despedirase do público este domingo

mércores, 3 Maio, 2023

O vindeiro domingo día 7 de maio pechará as súas portas a exposición 'Historias de Radio Galicia. 90 anos contigo' que explica a historia da emisora compostelá. A mostra pode visitarse de balde en horario de 10h a 14h e de 17h a 21h ata o sábado, e o domingo, derradeiro día, poderá facerse entre as 11h e as 14h.

 

Este percorrido pola historia da radio, aberta desde o mes de febreiro, levou a milleiros de visitantes á Casa do Cabido. Nela, explícanse as orixes, os protagonistas e a historia desta emisora que forma parte da vida de todos os santiagueses.

 

90 anos de historia
A través das catro salas faise un seguimento polas voces históricas que compuxeron Radio Galicia ao longo dos seus noventa anos de historia, así coma os seus programas, eventos e noticias. Tamén se poden ver obxectos únicos como radios antigas da colección dos Portela Seijo e a súa gravadora de fío dos anos 40, ou a placa orixinal de EAJ-4. Os visitantes teñen a oportunidade de escanear cos seus teléfonos móbiles distintos QR cos que poderán escoitar audios destas nove décadas de vida.

 

Na primeira das salas cóntanse os inicios de EAJ-4, así como o obradoiro dos irmáns Portela Seijo en Santiago, pioneiros da radio ou a historia de Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, a primeira figura mediática da emisora. Na segunda delas expóñense fotografías das voces dos locutores que formaron parte da historia de Radio Galicia durante as décadas intermedias do século XX como son Ángel de la Peña, Isabel Carou, Pili Pereira, José Gutiérrez ou Santiago Davila, entre outros.

 

Na seguinte das estancias amósanse aqueles recordos das últimas décadas que poden ter máis recentes quen visite a exposición. Entre eles están locutores como María Tereixa Navaza, Pepe Domingo Castaño, Rodolfo Irago, Antonio Bermúdez, Aida Pena ou Xaime López.

 

Xa por último, a cuarta sala da mostra está dedicada a dar a coñecer os membros actuais da emisora compostelá, tanto traballadores da redacción como técnicos, persoal de administración ou comerciais. Tamén se poden ver na Casa do Cabido as estatuíñas dos tres Premios Ondas que conseguiu Radio Galicia.