Unha publicación recolle as principais fondas e hoteis de Compostela entre 1878 e 1930

mércores, 23 Setembro, 2020

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións sacan á luz Fondas e hoteis da Compostela burguesa (1878-1930), unha publicación do historiador Juan David Díaz López. Nace como resultado da súa tese de doutoramento, realizada na Universidade de Santiago baixo a dirección de Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da USC, autor ademais do prólogo do libro.

 

No libro recóllese que a propia orixe de Compostela e o fenómeno das peregrinacións favoreceu a visita de forasteiros, que demandaron instalacións onde poder aloxarse. Indícase que, “dende o inicio da súa existencia, en Santiago debeu ser frecuente a figura daqueles particulares que, vendo o negocio da hospitalidade, deberon acoller nas súas vivendas os distintos viaxeiros a cambio dalgún estipendio. Foi a orixe dunha actividade hostaleira que, a partir de entón, xa non ía decaer”.

 

A fonda é recoñecida como a principal categoría hostaleira do ámbito español ata ben avanzado o século XIX. A finais do século XVIII non hai hoteis en Galicia, e non os haberá en propiedade ata un século máis tarde.

 

A hotelaría moderna en Santiago está directamente relacionada co seu espertar burgués no último terzo do século XIX e que se prolongou ata a década dos anos 30. Así, o autor elixe como data de inicio do seu estudo o ano 1878, cando aparece na cidade o primeiro establecemento equiparable a un hotel, a Fonda Suiza da rúa da Conga, e como data final 1930, ano en que se inaugurou o Hotel Compostela, que pode considerarse todo un fito da hotelaría urbana galega do seu tempo -tanto pola calidade do seu servizo como pola singularidade da súa imaxe arquitectónica- e marca como hotel un antes e un despois na cidade compostelá.

 

Dos peregrinos aos turistas

 

O autor sinala que o espertar social, relixioso, monumental e turístico da cidade produciuse coa chegada do ferrocarril, coa consecuente irrupción crecente do turismo, que vai esixindo unha demanda de establecementos hoteleiros cada vez máis capaces e modernos. “Non abondaba coas vellas vendas, paradores, hosterías e pousadas que ata entón se acostumaban, polo xeral aloxadas en edificios moi humildes que apenas ofrecían calidade. A cidade necesitaba outras instalacións máis adecuadas” -apunta o historiador-.

 

O proceso foi lento, se ben, pouco a pouco, de vivendas moi humildes, empezamos a notar un salto cualitativo ao ver as novas fondas e hoteis asentándose en vivendas de mellor arquitectura e que fan gala na súa forma exterior de achegarse ao que era característico nas vivendas burguesas compostelás de máis nivel, aínda que de ton discreto. É o caso da Fonda Suiza, Hotel Europa, La Perla, La Ferrocarrilana… todas elas cun modesto encanto burgués.

 

En canto aos hoteis, o autor destaca o caso do Hotel Suizo -1903-, situado na rúa Cardenal Payá, “cun servizo esmerado de cociña, amplo e agradable comedor, unha fachada vistosa e unha traxectoria histórica moi importante ata a súa decadencia e desaparición ao inicio da Guerra Civil”. Tamén salienta a aparición do Hotel España na década dos anos 20, aloxado nun vello palacio do século XVIII.

 

O historiador sinala que en categoría hoteleira sobresae o moderno Hotel Compostela, que unía á súa gran superficie e número de cuartos -100, moitos deles con baño e teléfono-, ascensor, unha secuencia moi rica de espazos sociais, biblioteca, unha elegante decoración e mobiliario. Destacaba pola súa imaxe arquitectónica, que por primeira vez na historia compostelá identificaba a un gran hotel, concibido como un enorme castelo.

 

Os menús, os prezos dos cuartos e o tipo de clientela

 

Xunto a un estudo de hoteis e edificios, Juan David Díaz somérxenos tamén en todo un estudo sociolóxico do fenómeno hoteleiro. Fala dos seus propietarios, os servizos que ofrecía cada hotel, cal era a súa situación urbana… E como arredor da rúa da Senra se foi configurando a vida hoteleira máis intensa, ao estar moitos dos hoteis máis populares moi preto do lugar onde paraban e saían as dilixencias e os transportes que adoitaban empregar os viaxeiros.

 

Tamén fai referencia aos seus menús, aos prezos dos seus cuartos, o tipo de clientela que tiñan -que vai dos modestos viaxantes que vendían todo tipo de aparellos a personaxes históricos-. Así, a Fonda Suíza serviu o lunch que ofreceu o Concello na recepción que deu en honor aos duques de Edimburgo e de Connaught, fillos da raíña Victoria de Inglaterra; e o lugar onde residiu unha noite o gran duque Constantino de Rusia. No Hotel Suízo aloxáronse Unamuno e Hemingway durante a súa visita a Santiago. Polo Hotel Compostela pasaron, entre outras, personalidades como Federico García Lorca, Valle-Inclán, Eva Perón ou Eduardo de Inglaterra.

 

A publicación complétase con fichas, fotografías, planos… dos principais aloxamentos tratados na mesma.