Rehabilitación de monumentos 2020

Edificio da Praza de Salvador Parga nº 4

 

Proxectoinstalación dun ascensor no edificio da Praza de Salvador Parga nº 4

Intervención: instalouse un ascensor no edificio da cidade histórica situado na Praza de Salvador Parga nº 4. Na actualidade é a sede do Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención era garantir a accesibilidade universal a todas as plantas deste inmoble.

 




Capela da Corticela 

 

Proxectoeliminación das goteiras na cuberta da capela de Santa María A Antiga da Corticela

Intervenciónproponse a reposición da cuberta con tella cerámica. Eliminarase o recrecido de rasillas cerámicas e formigón soporte da tella na actualidade. Limparanse os paramentos de fábrica granítica e aplicarase un tratamento para eliminar a couza. Tamén se repararán as carpinterías metálicas deterioradas e substituiranse os vidros que estean rotos. Renovarase a instalación eléctrica para adecuala á normativa vixente de seguridade.


      



Cemiterio da Orde Terceira Franciscana


Proxecto: obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público

Intervención: a falta de mantemento facía que presentara problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteraban a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foron plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización. Tratábase, pois, de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais.


 

 

Igrexa de San Caetano


Proxectoobras de mantemento da igrexa de San Caetano

Intervenciónrenovouse a pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais, realizouse unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as esquinas. E levouse a cabo a renovación do tellado da esquina noroeste.

 

 

    

 

 

Capela de Santas Mariñas do Sar


Proxecto: obras de mantemento da capela de Santas Mariñas do Sar

Intervencióna actuación encamíñase á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros. Ademais, modificarase a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. E está previsto tamén restaurar o revestimento de madeira do muro á rúa e limpar o muro da fonte.

 

      



Igrexa de San Frutuoso

 

Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso

Intervención: entre as actuacións que se van levar a cabo, destaca a intervención no tellado e a limpeza das fachadas e do campanario. Ademais, vaise suxeitar a espada que a estatua que representa a Prudencia leva na man esquerda. 


    

 

Capelas da igrexa de San Martiño Pinario

Proxecto: reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario

Intervención: o obxectivo principal desta actuación é evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. Intervirase nas súas cubertas, ao tempo que se realizará unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores.