
O Consorcio de Santiago conmemorará o Día Internacional do Libro este mércores 23 de abril coa entrega de balde de publicacións coeditadas polo Consorcio a todas aquelas persoas que visiten a Casa do Cabido ese día.
Os exemplares que se porán a disposición dos visitantes, pertencentes ás diferentes bibliotecas do Consorcio de Santiago, teñen como temáticas a literatura, a arte e a historia vinculadas á cidade de Santiago de Compostela. Tamén atoparanse libros orientados a un público infantil e xuvenil.
Neste momento, ademais, na Casa do Cabido pode visitarse a exposición "Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924", unha homenaxe ao fotógrafo Manuel Chicharro e o seu fillo Luis Chicharro organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) con motivo dun dobre aniversario, xa que se cumpren 175 e 100 anos, respectivamente, do nacemento e falecemento do ilustre fotógrafo Manuel Chicharro Bisi.
A Casa do Cabido está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.