O 30 de xuño, derradeiro día da mostra “Compostela monumental” na Casa do Cabido

xoves, 27 Xuño, 2019

A Casa do Cabido acolle, dende mediados do pasado mes de maio, a exposición ”Compostela monumental”, que reúne debuxos da cidade histórica de Santiago realizados polo militar Andrés Freire Conde. Este artista autodidacta comeza a debuxar e a pintar dende moi novo e aos seus 91 anos segue a manter a súa paixón pola pintura.

 

O derradeiro día para percorrer esta mostra será o vindeiro domingo, 30 de xuño. O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

 

Andrés Freire naceu na Base Naval da Graña, en Ferrol, no ano 1927. É Tenente Xeral de Artillería retirado, diplomado en Estado Maior e licenciado en Dereito. Desenvolveu unha importante carreira militar. O seu primeiro destino como tenente foi no Rexemento de Artillería número 28 de Santiago de Compostela, no cuartel que na actualidade acolle a sede do Parlamento de Galicia, e estudou Dereito na Universidade de Santiago, de aí a súa forte vinculación coa cidade. A súa verdadeira vocación é a pintura, á que se dedicou toda a súa vida.

 

A paixón do artista por Compostela

 

“Compostela monumental” son un total de 36 debuxos de gran tamaño (45 x 67 cm) realizados con Flomaster que amosan a arquitectura de Santiago, con comentarios do artista a cada unha das obras. Ademais, hai catro expositores nos que se recolle a súa traxectoria. Esta mostra xa se expuxo no ano 1993 no Pazo de Fonseca e tamén na Casa de Galicia en Madrid.

 

O artista séntese deslumbrado pola vella capital xacobea. Así, retrata espazos emblemáticos da cidade monumental como o Pórtico da Gloria, a fachada de Praterías, o Hostal dos Reis Católicos, a Praza de Abastos, a Praza do Toural, Porta Faxeira, a rúa do Vilar, a Quintana ou Bonaval, entre outros.