A exposición 'Ksado. Iconas de Galicia' recibe a 10.000 visitantes dende a súa apertura

venres, 6 Setembro, 2024

A exposición da Casa do Cabido "Ksado. Iconas de Galicia", inaugurada o pasado 18 de xullo, recibiu no seu primeiro mes e medio aberta ao público a 10.000 visitantes.

 

Os datos do mes de xullo demostraron a boa acollida desta exposición, obtendo unha media de 305 persoas por día. É a mellor media correspondente ao mes de xullo dende que se iniciou a actividade na Casa do Cabido.

 

A maioría de visitantes procederon da cidade de Santiago de Compostela, seguidos de Galicia e o resto de España. Tamén chegaron moitas persoas de diferentes países europeos, e mesmo visitantes doutros continentes, destacando os procedentes de Asia e Oceanía. O perfil de visitante é dun individuo de entre 35 e 55 anos, cun lixeiro predominio das mulleres sobre os homes.

 

"Ksado. Iconas de Galicia" invita a quen se queira achegar á Casa do Cabido a afondar na historia da fotografía galega. A mostra, gratuíta, está aberta en horario de 10 a 14 e de 17 a 21 de martes a sábado, e o domingo de 11 a 14.

 

Ksado. Iconas de Galicia

A exposición esta composta por arredor de 300 obxectos entre imaxes, postais promocionais, cromos, material fotográfico orixinal e ata unha cámara de fotos pertencente ao propio Ksado. Todo isto fai que poda considerarse como pioneira pola súa extensión.

 

Foi comisariada polo fotohistoriador Carlos Castelao e o profesor Rubén Martínez, que impulsaron esta mostra co obxectivo de incidir na importante labor de salvagardar e revalorizar este material único.

 

Ksado (1888-1972)

Luís Casado, de nome artístico Ksado, foi un fotógrafo español coñecido pola súas fotografías de Galicia de principios do século XX. Fillo dun ex militar que obtivo un posto na Facenda, a primeira infancia de Ksado foi unha peregrinación polos distintos destinos do pai: Ávila, Burgos, Huesca, A Coruña... Finalmente, en 1894 a familia chegou a Ourense, e con quince anos entrou de aprendiz no estudio fotográfico de José Pacheco. Posteriormente tomou a decisión de establecerse pola súa conta, abrindo un estudo en Santiago de Compostela e despois en Vigo. Recoñecido polas novas xeracións de fotógrafos, a moitos dos cales aprendeu o oficio, faleceu en Santiago de Compostela en febreiro de 1972, na rúa República Arxentina. Hoxe, máis de medio século despois, a súa fotografía continúa presente nesta terra que o acolleu.