Museo do Pobo Galego
Proxecto: adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego
Intervención: un dos aspectos máis relevantes desta intervención é a creación dun núcleo de comunicación vertical que dará acceso a todas as plantas do edificio, integrado por un ascensor de alta capacidade e por unha escaleira. As fachadas sanearanse e revogaranse. As cubertas someteranse a unha reestruturación completa. Incorporaranse instalacións de acondicionamento térmico, fontanaría e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención antiincendios... apostando pola xeotermia como forma de enerxía sustentable.
Edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Proxecto: instalación dun ascensor no edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Intervención: instalouse un ascensor no edificio da cidade histórica situado na Praza de Salvador Parga nº 4. Na actualidade é a sede do Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención era garantir a accesibilidade universal a todas as plantas deste inmoble.
Capela da Corticela
Proxecto: eliminación das goteiras na cuberta da capela de Santa María A Antiga da Corticela
Intervención: proponse a reposición da cuberta con tella cerámica. Eliminarase o recrecido de rasillas cerámicas e formigón soporte da tella na actualidade. Limparanse os paramentos de fábrica granítica e aplicarase un tratamento para eliminar a couza. Tamén se repararán as carpinterías metálicas deterioradas e substituiranse os vidros que estean rotos. Renovarase a instalación eléctrica para adecuala á normativa vixente de seguridade.
Cemiterio da Orde Terceira Franciscana
Proxecto: obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público
Intervención: a falta de mantemento facía que presentara problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteraban a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foron plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización. Tratábase, pois, de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais.
Igrexa de San Caetano
Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Caetano
Intervención: renovouse a pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais, realizouse unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as esquinas. E levouse a cabo a renovación do tellado da esquina noroeste.
Capela de Santas Mariñas do Sar
Proxecto: obras de mantemento da capela de Santas Mariñas do Sar
Intervención: a actuación encamiñouse á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e do interior, así como a renovación da drenaxe exterior dos muros. Colocouse unha gárgola para favorecer a evacuación da auga da choiva no encontro entre a fachada sur e a sancristía. Restaurouse o revestimento de madeira do muro á rúa e limpouse o muro da fonte, á vez que se levou a cabo o acondicionamento xeral do terreo da parcela e plantouse unha oliveira. Por último, construíronse casetas para aves e morcegos no tellado, co fin de que poidan aniñar.
Igrexa de San Frutuoso
Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso
Intervención: entre as actuacións que se van levar a cabo, destaca a intervención no tellado e a limpeza das fachadas e do campanario. Ademais, vaise suxeitar a espada que a estatua que representa a Prudencia leva na man esquerda.
Capelas da igrexa de San Martiño Pinario
Proxecto: reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario
Intervención: o obxectivo principal desta actuación é evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. Intervirase nas súas cubertas, ao tempo que se realizará unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores.