A Casa do Cabido acolle a exposición “Alicerces: da idea á escultura”

xoves, 5 Novembro, 2026

O Consorcio de Santiago inaugurou este xoves 5 de novembro na Casa do Cabido a exposición “Alicerces: da idea á escultura”, unha mostra que reúne obras dos escultores Óscar Aldonza e Miguel Ángel Vigo e que propón achegar ao público ao proceso creativo que dá forma ás pezas escultóricas. No acto de apertura asistiron a alcaldesa e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, o xerente do organismo interadministrativo, José Antonio Domínguez Varela, o responsable de exposicións do Consorcio, Juan Conde Roa, os artistas e as comisarias da exposición, Elena Bangueses e Ana Castro.

 

A exposición establece un diálogo entre as obras dos dous artistas, permitindo descubrir non só as esculturas resultantes, senón tamén o proceso que hai detrás de cada creación. A través de paneis explicativos, vídeos, fotografías, debuxos, cadernos e bosquexos, a mostra revela as ideas, influencias, materiais e decisións que acompañan o traballo escultórico.

 

A proposta busca achegar a arte contemporánea ao público desde unha perspectiva próxima e didáctica, desmitificando o proceso escultórico e facilitando a comprensión das obras. O percorrido invita a coñecer o “por que” e o “como” de cada peza, desde a idea inicial ata a súa materialización, e a establecer un diálogo entre os artistas, as comisarias e as persoas visitantes.

 

A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h y de 16:00 h a 20:00 h y domingos de 11:00 h a 14:00 h.

 

Dúas olladas sobre o proceso escultórico

 

Óscar Aldonza entende a escultura como un diálogo entre o imaxinado e o material. As súas obras reflicten a relación cos materiais e co espazo, así como a herdanza persoal que acompaña cada decisión creativa. O artista, nacido en Santiago de Compostela en 1976, compaxina o seu traballo escultórico coa docencia na EASD Mestre Mateo, onde imparte clases desde 2007.

 

Pola súa banda, Miguel Ángel Vigo, nacido en Rois en 1981, desenvolve unha obra escultórica marcada por un universo simbólico no que conflúen a tradición do Camiño de Santiago, as metáforas do río Sar e unha reflexión crítica sobre a condición humana contemporánea. As súas pezas abordan cuestións como a fragilidade da existencia, o paso do tempo e as contradicións da sociedade actual.

 

Un proxecto de investigación compartida

 

A exposición é froito dun traballo de investigación desenvolvido de maneira colaborativa entre os artistas e as comisarias, Elena Bangueses e Ana Castro, ao longo do proceso de creación das obras. Esta metodoloxía permite documentar e mostrar as distintas fases da creación escultórica, desde o seu xermolo conceptual ata a execución final.

Elena Bangueses é historiadora da arte pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Xestión Cultural pola City University of London. Desenvolve a súa actividade como comisaria e xestora cultural independente. Ana Castro é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en patrimonio artístico e valoración de obras de arte. Entre os seus traballos de comisariado figura a exposición “Santiago proxectado, arquitecturas non construidas”, tamén na Casa do Cabido.

 

“Alicerces: da idea á escultura” ofrece así unha oportunidade para descubrir a escultura contemporánea desde unha perspectiva máis íntima e accesible, achegando ao público ao universo creativo dos artistas e á reflexión que se agocha detrás de cada obra.

 

Unha reflexión colectiva sobre o proceso creativo

 

A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, destacou o valor da exposición como resultado dun proceso de traballo compartido entre os dous artistas e as comisarias. Neste sentido, sinalou que “esta mostra ofrécenos o resultado dun traballo conxunto entre os dous artistas e as dúas comisarias, que desenvolveron unha reflexión colectiva e un proceso pensado especificamente para este espazo”. Ademais, subliñou o seu interese tanto para o público xeral como, especialmente, para as persoas que están en formación e teñen interese pola arte e a escultura, xa que “máis alá da parte estética, tamén ten moito valor a filosofía de fondo”.