O Consorcio de Santiago e Andavira Editora presentan un libro que recolle as óperas e zarzuelas que pasaron polo Teatro Principal entre 1840 e 1914

martes, 14 Maio, 2024

O libro investiga o percorrido da programación musical do Teatro Principal 


O Teatro Principal acolleu esta tarde a presentación do libro Ópera y zarzuela en Santiago de Compostela. Las temporadas líricas del Teatro Principal (1840 – 1914), escrito como tese doutoral por Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno. A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago xunto con Andavira Editora, forma parte da Biblioteca Científica do Consorcio. 

 

Ópera y zarzuela en Santiago de Compostela. Las temporadas líricas del Teatro Principal (1840 – 1914) é o resultado do traballo de investigación de Mª del Carmen Lorenzo baixo a dirección de Carlos Villanueva, músico e musicólogo experto en música medieval, que foi presentado no 2019. A autora centra o seu traballo nas óperas e zarzuelas, que xunto cos concertos sinfónicos e camerísticos ocuparon a maior parte da programación do teatro. Mais tamén sinala que estes non eran o único tipo de espectáculos que acollía o Teatro Principal a finais do século XIX e comezos do XX: "Neste teatro había outro tipo de funcións. Había outro tipo de músicas, ademais de óperas e zarzuelas. As corais eran moi típicas daquela época, había xogos florais, veladas literarias acompañadas con música, concertos de cámara, de pequenas orquestras". 

 

O Teatro Principal queda representado neste libro como un dos epicentros culturais dos séculos XIX e XX en Santiago de Compostela e expón tamén cómo a programación musical deste teatro influiu na transformación do gusto do público e a demanda cultural dunha cidade en constante evolución. 

 

Na presentación a autora estivo acompañada por Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago; Carlos Villanueva Abelairas; Lucila Ventoso, responsable da editorial Andavira e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio. 

 

Sobre a autora

Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno (A Coruña, 1981) é violinista de formación, acadou o Título Superior de Profesora de Violín polo Plan do 66, con Mención de Honra Fin de Grao Medio. Foi parte da Joven Orquesta Nacional (JONDE), da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) e colaborou coa Joven Orquesta de la Sinfónica de Galicia.

 

Comezou a súa labor como investigadora no programa de doctorado Música na España Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC). No 2019 obtivo o título de Doutora tras a defensa da súa tese doutoral La música en el Teatro Principal de Santiago de Compostela; 1840 – 1914.

 

Desde o 2006 é arquiveira da Real Filharmonía de Galicia e profesora na Universidad Internacional de La Rioja (UNIR).