O Consorcio e Andavira coeditan un libro que explica os capiteis con temática animalística da Catedral de Santiago

xoves, 16 Marzo, 2023

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora presentaron este xoves na Sede Afundación da Rúa do Vilar o libro 'El Bestiario de la Catedral de Santiago de Compostela. Espacio, función y audiencia', pertencente á Biblioteca Científica do Consorcio e que foi escrito por Victoriano Nodar Fernández.

 

Á presentación acudiron, ademais do autor, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; a responsable da editorial Andavira, Lucila Ventonso, e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

 

Este libro recolle todos os capiteis con temas animalísticos que decoran o interior da Catedral de Santiago. Case setenta exemplos que se reparten por todos os espazos do edificio: na cabeceira, brazos do cruceiro, as naves, os pórticos interiores, as galerías e a cripta.

 

Por un lado describe como é o bestiario da catedral, por outro como é a arquitectura "habitada" por animais do espazo, así como a iconografía que representa e as conclusións. O prólogo do libro está escrito por Manuel Antonio Castiñeiras González, Catedrático da Historia da Arte da Universitat Autònoma de Barcelona.

 

Capiteis singulares
"A simple observación da súa localización indícanos que ditos capiteis, con representacións teriomórficas, tenden a concentrarse en certos lugares normalmente relacionados coa topografía sagrada do edificio, o seu uso litúrxico ou simplemente en importantes lugares", indica o autor, quen incide en que "se trata dun importante aspecto susceptible de ser analizado nun templo destinado a ser meta e fluxo de peregrinos e que está adicado ao culto dun dos apóstolos de Cristo".

 

No prólogo, Manuel Antonio Castiñeiras fai fincapé na gran achega que supón este libro para a investigación arquitectónica. "Estamos ante unha importante contribución non só ao estudo da catedral románica senón tamén ao coñecemento da significación e uso do tema do Bestiario na idade media, cuxo modelo metodolóxico podería ser aplicado a outros importantes edificios do románico hispánico e transpirenaico", explica.

 

Sobre o autor
Victoriano Nodar Fernández é doutor cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesor do departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. As súas liñas de investigación xiran en torno á escultura románica das vías de peregrinación, con múltiples publicacións centradas na iconografía románica en xeral e na Catedral de Santiago en particular.

 

Por outro lado, a súa actividade centrouse tamén na xestión cultural, sobre todo no campo das exposicións temporais. Nos últimos anos traballou, ademais, como asesor histórico de diversas obras de resturación levadas a cabo na basílica compostelá encargándose da redacción dos informes históricos artísticos previos a ditas intervencións.